O TSXG declara que Froiz non pode obrigar o seu persoal a realizar as tarefas de limpeza dos baños e as zonas comúns
A CIG presentou conflito colectivo por esta práctica empresarial non recollida en convenio, que supón unha discriminación por razón de xénero e que se fai sen avaliación de riscos
A Coruña -
A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de darlle a razón á CIG no conflito colectivo presentado contra Distribuciones Froiz por obrigar o persoal dependente, de caixa ou encargado a realizar tarefas de limpeza dos baños e das zonas comúns alleas aos seus postos de traballo. O alto tribunal galego condena a empresa a cesar nesta práctica e declara ademais que nesta decisión patronal existe unha discriminación por razón de xénero.
A sección sindical da CIG na provincia da Coruña leva tempo reclamándolle á empresa que remate con esta práctica, xa que entre as funcións do persoal non figura a limpeza dos baños nin das áreas comúns dos supermercado, e a realización destes traballos, a maiores dos propios de cada posto, nin sequera é compensado.
Ademais, o persoal afectado non recibe instrucións concretas de como desenvolver estas tarefas, non se fixo a avaliación de riscos destes traballos nin existe unha actividade preventiva específica. De feito, en xullo de 2024, a Inspección de Traballo, tras as denuncia da CIG, xa levantou acta de sanción contra Froiz por infracción grave da lei de prevención de riscos laborais propondo unha multa de 7.500 euros.
Agora, o TSXG declara que o persoal non ten obriga de facer labores de limpeza e condena a empresa a cesar nesta práctica de inmediato. A resolución considera que estas tarefas non teñen acomodo co determinado no convenio colectivo para os diferentes grupos profesionais e incide na falta de avaliación de riscos e da actividade preventiva. Neste punto, alude ao feito de que persoal de carnicería ou peixería vaia limpar os baños e logo retorne ao seu traballo habitual sen que haxa medidas preventivas especiais.
Discriminación por razón de xénero
Cómpre sinalar que na fundamentación da sentenza, o tribunal aplica unha perspectiva de xénero ao ter en conta que a maioría do cadro de persoal de Froiz está conformado por mulleres e maioría das persoas traballadoras ás que se lle obriga a realizar estas tarefas son mulleres. Literalmente di: “a decisión empresarial discutida, que en principio podería parecer neutral, supón en realidade unha discriminación indirecta por razón de sexo (art. 6.1 b) Lei 15/2022), pois afecta sen unha xustificación suficiente ás mulleres”.
En relación a isto, faise unha consideración sobre a dignidade do traballo de limpeza, ao entender que a decisión empresarial é contraria a esta porque non ten acomodo na regulación da mobilidade funcional, non cumpre coa normativa máis básica de prevención de riscos e supón tamén unha discriminación indirecta por razón de sexo.
A CIG insta a Distribuciones Froiz a acatar a resolución e deixar de aplicar unha mobilidade funcional indebida, que ademais inciden na división do traballo en función do xénero, e que ten como único obxectivo incrementar as ganancias patronais ao evitar ter que contratar persoal propio ou alleo para prestar o servizo de limpeza en determinadas zonas dos supermercados.

