Persoal de ENCE mobilízase contra o despido de catro traballadores/as do servizo de limpeza
A CIG convocou unha protesta diante da fábrica de Lourizán, en Pontevedra, para rexeitar as catro rescisións de contrato comunicadas pola empresa Eulen
Pontevedra -
Persoal da pasteira pontevedresa ENCE desenvolveu hoxe unha concentración en solidariedade coas catro persoas despedidas na empresa auxiliar Eulen, que se encarga do servizo de limpeza da fábrica. A protesta, convocada pola CIG-Servizos e á que se sumou posteriormente o comité de empresa, tivo lugar de 13.30 a 14:30 horas ao berro de “Despedidos readmisión”.

Dende a central sindical explican que as rescisións de contrato fixéronse efectivas o pasado 15 de outubro, decisión que Eulen xustifica na suposta existencia de causas organizativas e da produción,” xa que a empresa principal ENCE Celulosas está inmersa nun plan de optimización de recursos que implica unha redución de costes, e polo tanto de persoal”.
A compañía encargada do servizo de limpeza alega tamén a automatización de certas tarefas de limpeza en diferentes postos de traballo “con certa maquinaria que a día de hoxe non está implantada na fabrica”.
En consecuencia, a CIG levou a cabo o pasado venres unha asemblea ás portas da fábrica co persoal afectado, que decidiu iniciar un calendario de mobilizacións que comezou coa concentración de hoxe para reclamar a readmisión dos compañeiros/as despedidos/as.

