Seguimento maioritario na primeira xornada de paros en Serveo Industrial por un convenio digno
Os traballadores e traballadoras mobilizáronse de 6 a 9 da mañá na entrada da fábrica de San Cibrao
Cervo -
Os traballadores e traballadoras de Serveo Industrial (auxiliar de Alcoa) iniciaron este mércores un calendario de folgas parciais de tres horas en resposta ao estancamento do convenio colectivo. O seguimento neste primeiro día de paros está sendo maioritario e para darlle visibilidade á súa loita, o persoal mobilizouse das 06:00 ás 09:00 horas no control de acceso á fábrica de San Cibrao.

Despois de sete reunións, as negociacións están bloqueadas xa que a empresa se nega a trasladar unha proposta económica xusta, que garanta un salarios dignos e o mantemento do poder adquisitivo. Logo de presentar varias ofertas con cálculos de porcentaxe para os incremento que resultaban complexos, incoherentes e cuestionábeis, a última proposta de Serveo Industrial consiste nunha suba lineal do 3%.
Unha contía que non responde á demanda do persoal, que reivindica incrementos xustos do 4% para os anos 2025 e 2026 e do 3,8% para os anos 2027 e 2028. Non obstante, explica o delegado da CIG, a empresa négase en redondo a mellorar a súa oferta polo que “non nos queda outra saída que ir á folga para desbloquear a situación”.
Tras esta xornada de paros, o calendario de folgas parciais continuará o luns e mércores da próxima semana e, de non producírense avances na reunión prevista para mañá coa empresa, as medidas de presión intensificaranse coa convocatoria de paros diarios ou estendendo a folga a toda a xornada laboral.
Serveo Industrial é unha principais auxiliares de Alcoa e conta con arredor de 130 traballadores e traballadoras que realizan o mantemento mecánico e soldadura nos departamentos de precipitación e dixestión.

