O persoal de Albada maniféstase en demanda dun convenio digno e que se publiquen xa os pregos

A Coruña -

Os  traballadores e as traballadora da planta de tratamento de residuos de Nostián (xestionada pola UTE Albada) manifestáronse este xoves dende as oficinas da Concellería de Medio Ambiente, na Casa da Auga, até a Praza de María Pita en demanda dun convenio colectivo digno e para reclamarlle ao Concello da Coruña que publique dunha vez os pregos para o novo contrato.

O presidente do comité, Hadrián Canosa, lembrou que o persoal leva cos salarios conxelados dende o ano 2012 e coas condicións laborais e sociais recortadas dende a caída do convenio colectivo o 1 de xaneiro de 2020. Critica que foi a propia empresa, Albada, a que dilatou as negociacións para deixar sen efecto o convenio, aproveitándose das facilidades da reforma laboral do PP, que limitaba a ultravixencia a un ano.

Agora, logo dun longo período de parálise e unha intervención municipal que durou 8 meses, veñen de retomarse as negociacións, mais despois de tres reunións "comprobamos que a empresa non ten vontade real de negociar". De feito, engade Canosa, "Albada nin sequera contestou á plataforma de convenio que lle remitimos dende o comité. Agardamos que, cando menos, nos digan algo na reunión da mesa que está convocada para o próximo 17 de novembro".

O presidente do comité incide na merma das condicións laborais e económicas que veñen padecendo os traballadores e as traballadoras de Albada dende hai preto dunha década, ás que hai que engadir as eivas en materia de seguridade e saúde laboral derivadas da falta de mantemento e investimento nas instalacións.

"Prodúcense avarías constantes que repercuten tanto na produtividade como na saúde do persoal. Estas eivas foron denunciadas en multitude de ocasións diante da autoridade laboral e do Concello e nestes momentos a Inspección de Traballo ten abertos varios expedientes contra a empresa", explica Hadrián Canosa.

Neste senso, advirte que non hai persoal suficiente nas cintas, xa que Albada nin sequera substitúe as baixas, polo que non se cumpren as porcentaxes mínimas de reciclaxe e recuperación dos residuos. "En moitas ocasións non hai ninguén para separar os refugallos, recuperalos e darlles unha segunda vida, que é o obxectivo da planta de Nostián e o servizo polo que paga a cidadanía"."Só isto xa debería ser un motivo máis que suficiente para retirarlle a concesión a esta empresa", asevera.

Atraso inxustificado na publicación dos pregos

Pero con esta protesta, os traballadores e traballadoras tamén demandan do Concello da Coruña axilidade na publicación dos pregos da nova concesión, tendo en conta que a UTE Albada está en situación de prórroga forzosa dende xaneiro de 2020. "Non entendemos este atraso, o anterior Goberno tiña practicamente rematados os pregos e a actual concelleira de Medio Ambiente comprometérase a sacalos antes do remate da concesión, o 31 de decembro de 2019",  lembra Canosa.

Porén, a un ano das próximas eleccións municipais, descoñecese en que estadio está o proceso, a concelleira non ofrece información clara e concreta  e o persoal nin sequera ten a certeza de que se vaia respectar o acordo de garantías laborais que o comité asinara co anterior Goberno.

Este acordo inclúe, entre outras cuestións, o mantemento das condicións económicas e de traballo segundo o convenio (agora decaído), mantemento dos niveis de emprego, máis estabilidade para o persoal eventual ou recoñecer o dereito de subrogación, tamén para o persoal das contratas.

Encontro informal coa concelleira

Precisamente, nun encontro fortuíto coa concelleira uns minutos antes de saír a manifestación, a responsábel de Medio Ambiente insistiu no seu compromiso de que os pregos estarán publicados antes de que remate o ano, deixando os detalles para unha próxima reunión - da que non concretou a data-, cando o comité xa solicitou hai máis dun mes manter un xuntanza para aclarar todas estas cuestións.

Mais a día de hoxe, como se berrou durante a manifestación, non hai "nin pregos, nin dereitos", polo que as mobilizacións proseguirán adiante até lograr un convenio digno e tamén porque o comité entende que a aposta decidida pola planta de tratamento de residuos de Nostián ten que verse materializado na publicación urxente do prego de condicións como garantía de continuidade das instalacións e do sistema de reciclaxe e tratamento dos residuos, fronte á realidade actual que se asemella máis a unha planta de transferencia.

Volver