A CIG convocará folga no SAF de Arteixo de continuar as graves deficiencias do servizo
O paro, de carácter indefinido, iniciarase o 28 de outubro
Arteixo -
A CIG convocará folga no Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Arteixo a partir do 28 de outubro se continúan sen amañarse as graves deficiencias do servizo. A folga, que terá carácter indefinido, afectará as traballadoras adscritas a empresa Osventos (adxudicataria do lote Arteixo Norte).
Dende a entrada desta empresa no SAF, as traballadoras reclamaron que se lles abonaran os salarios antes de final de mes, como viñan cobrando coas anteriores adxudicatarias. Porén, despois de meses de escusas por parte da empresa, o problema continúa e as traballadoras cobran sempre ao límite do que estabelece o convenio. A última nómina, a de setembro, percibírona o día 4 de outubro.
Esta situación, explica a CIG-Servizos, xéralle un grave prexuízo as traballadoras "que teñen que afrontar os pagos domiciliarios dos gastos básicos (alugueiros, facturas etc.), a bancos e empresas e entidades que non entenden de atrasos".
Exceso de traballo e falta de axudas técnicas
Xunto a isto, o persoal denuncia que hai un exceso de traballo con cuadrantes que non cumpren o descanso de xornada diaria e con contratos en fraude lei.
Así mesmo, a empresa non está poñendo a disposición do persoal as axudas técnicas recollidas no prego de condicións, tales como camas móbiles ou guindastres para mover as persoas usuarias. A falta desta axuda técnica forza as traballadoras a ter que actuar en condicións penosas e con risco para a súa saúde. De feito, subliña a CIG-Servizos, as baixas por enfermidades músculo esqueléticas son as máis habituais neste sector debido ao esforzo físico que deben realizar as traballadoras.
Neste contexto, e despois de escoitar no pleno municipal de Arteixo do 27 de setembro a concelleira de Servizos Sociais vertendo serias acusacións contra as traballadoras e menoscabando a súa profesionalidade, as compañeiras do SAF prestado por Osventos acordaron ir á folga de non resolverse as deficiencias.
A este respecto, a CIG-Servizos recoméndalle á concelleira que deixe de falar mal das traballadoras nos plenos "e que faga o seu traballo, esixíndolle á empresa concesionaria que cumpra co prego de condicións, e que mire polos dereitos das traballadoras e das persoas usuarias deste servizo esencial".