A CIG gaña as eleccións no SAF de Chantada

Chantada -

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais no SAF de Chantada ao obter as tres delegadas que se escollían para representar ao persoal. A outra candidatura que concorría ao proceso celebrado no día de onte, a da CGT, non obtivo representación. A CIG agradece o apoio depositado novamente polas traballadoras do SAF e ratifica o seu compromiso na loita por mellorar as condicións laborais e salariais deste colectivo, nomeadamente na folga que están a desenvolver en demanda dun convenio digno.

Hai que lembrar que as traballadoras do SAF de Chantada levaron adiante un duro conflito en 2020 contra o Concello pola decisión de privatizar o servizo de axuda no fogar, malia o Goberno municipal coñecer o deterioro das condicións laborais e a perda de calidade na atención ás persoas usuarias que esta medida carrexaba.

As consecuencias da privatización fican agora claras: despedimentos de traballadoras por parte da empresa concesionaria, Samaín Servizos á Comunidade (grupo Clece), como represalia por caer de baixa médica; non actualización dos salarios segundo o IPC real (cando así o recolle o convenio vixente); ou seguir condenadas á precariedade por un nefasto preacordo de convenio colectivo.

Para loitar contra a ratificación deste preacordo, que ademais crea unha dobre escala salarial, e exixir un convenio que contemple auténticas melloras económicas, laborais e sociais, traballadoras do SAF de toda Galiza están en folga indefinida (convocada pola CIG) dende o pasado 2 de novembro.

Unha loita exemplar que é toda unha lección de dignidade para as empresas pirata que só buscan sacar beneficio a conta dos servizos públicos e unha chamada de atención para as dúas centrais sindicais que se prestaron a asinar este inxusto e discriminatorio preacordo de convenio.

Volver