A CIG gaña as eleccións sindicais en Aulusa-Teo
Con este resultado obtén a maioría en todas as empresa de Monbus no transporte urbano de Santiago
Compostela -
A CIG vén de gañar as eleccións sindicais en Aulusa-Teo, onde se presentaron dúas candidaturas, a da central sindical e máis a de UGT, obtendo o delegado que estaba en xogo e acadando así a maioría en todas as empresa de Monbus no transporte urbano de Santiago.

Esta empresa presta o servizo das liñas do Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro e até agora o delegado de persoal era da UGT. Dáse a circunstancia de que o novo delegado será Hugo Antunes, que fóra despedido en 2020 en Empresa Freire (antiga empresa concesionaria deste servizo) precisamente por presentarse pola CIG ás eleccións sindicais.
Ese despido fóra declarado nulo polo xulgado máis, cando o servizo de transporte ao aeroporto de Santiago foi subrogado por Monbus, non fóra readmitido pretendendo esta empresa non subrogar tampouco ao resto do persoal de Empresa Freire, o que motivou un novo conflito que durou máis dun ano. Tras varias sentenzas e tamén tras todo tipo de presións e amezas por parte de Monbus, Aulusa veuse obrigada a readmitir ao traballador no mesmo posto que ocupaba.

Agora nas eleccións sindicais Hugo Antunes é escollido delegado de persoal como candidato da CIG, e péchase definitivamente unha fase de represión sindical que se iniciaba precisamente para impedir que a CIG tivese representación neste servizo ao aeroporto.
En palabras do propio Hugo Antunes "faise xustiza e demóstrase que merece a pena loitar e defender os nosos dereitos" e comprométese a traballar co cadro de persoal para mellorar as condicións de traballo e que deixe de haber abusos e tratos de favor en Aulusa. Nos próximos días haberá xa unha asemblea de traballadores e traballadoras de Aulusa-Teo para decidir os primeiros pasos e solicitar unha reunión á empresa para trasladarlles as demandas do cadro de persoal.
Con este resultado agora a CIG ten a maioría en todas as empresas de Monbus que prestan o servizo do transporte urbano de Santiago (Tralusa, Aulusa-Santiago e Aulusa-Teo).
Novas relacionadas
