A CIG logra as cinco delegadas que se escollían no Centro Residencial e de Día de Arteixo
Arteixo -
A CIG vén de gañar as eleccións celebradas no Centro Residencia e Centro de Día de Arteixo (xestionado por Cogami, SIAD24 e Combina Social) ao obter as cinco delegadas que se escollían. A central salienta a elevada participación neste proceso, no que a CIG concorría como candidatura única, e reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos e na loita pola mellora da condicións laborais.
A CIG-Servizos da Coruña agradece a confianza depositada polas traballadoras no seu modelo sindical participativo e combativo, e destaca que só a central nacionalista conseguiu presentar candidatura nun centro no que até agora contaba só cunha delegada.
Este resultado reforza a posición da CIG no sector de residencias privadas do país, nun momento ademais no que se está negociando o convenio colectivo, de ámbito galego, no que se demandan melloras substancias nas condicións laborais e salariais; e referenda a aposta das traballadoras do sector para que sexa a CIG quen encabece estas reivindicacións.