A CIG mobilízase no Hiper Froiz de Boiro para denunciar a prercariedade que sofre o persoal

Advirte da sobrecarga de traballo continuada pola non cobertura das ausencias, o que está a provocar problemas de saúde

Boiro -

A CIG-Servizos desenvolveu unha concentración este mércores diante do Hiper Froiz de Boiro para denunciar a precariedade que sofre o persoal desta empresa. Lucía Freire, representante da CIG-Servizos explica que un dos graves problemas do persoal é a sobrecarga de traballo, provocada pola non cobertura de baixas, vacacións e ausencias en xeral que, “pola falta de planificación e previsión da dirección da empresa, obrigan as traballadoras e traballadores a asumir o traballo das e dos compañeiros ausentes”.

Freire alerta de que esa sobrecarga de traballo está, á súa vez, provocando enfermidades músculo-esqueléticas, psicolóxicas, estrés e ansiedade. Xunto a isto, asegura que “as persoas que están de baixa por IT teñen que soportar presións por parte do departamento de Recursos Humanos que presiona ás traballadoras e traballadores para que reduzan as súas baixas sen a máis mínima consideración sobre o seu estado de saúde. Ademais estamos detectando casos de persoas en I.T ás que non se lle está aboando o 100% do seu salario, tal e como estipula o convenio ”.

Novas tarefas non compensadas

A CIG-Servizos denuncia ademais que non se están a compensar as novas tarefas de limpeza das instalacións, malia a sección sindical ter solicitado o pagamento dun “plus de limpeza” que a empresa se nega a pagar a pesar de non figurar entre as súas funcións iniciais.

A central sindical rexeita a actitude de Froiz por negarse a conceder licenzas retribuídas ou días de asuntos propios, poñendo mesmo impedimentos nalgúns centros para coller as vacacións de verán ou a negativa da empresa a cumprir os acordos de promoción automática, abono de horas extra e de transparencia á hora de aboar as comisións.

Todo isto supón un flagrante incumprimento do convenio colectivo que está a provocar a precarización do persoal nun sector no que as condicións, tanto salariais como laborais son xa, de por si, precarias.

Por iso, con esta mobilización a CIG reclama unha solución inmediata por parte de Froiz, o escrupuloso cumprimento do convenio e que se garantan unhas condicións laborais dignas para todo o persoal.

A sección sindical escolleu este centro de traballo porque ademais de padecer a  problemática xeralizada en todos os centros de Froiz , neste hai que engadir que as persoas que exixen os seus dereitos reciben malas contestacións, e "teñen a sensación de estar constantemente vixiadas".

A representación da CIG rexeita o trato que se dispensa por parte dos e das superiores, con comentarios como "poño gustosamente  cartos do meu peto para botarte", "eu non te vou botar vaste cansar tanto que vas marchar ti", "a próxima vez que veña perder o tempo contigo non vai ser  con palabras" ou "agora é moi fácil facer crer que unha persoa rouba". A central pide o cese inmediato destas actitudes e que se respecte a dignidade e os dereitos do persoal.

Volver