A CIG mobilízase nun supermercado Gadis contra o traballo gratuíto

O persoal da cadea realizada xornadas excesivas que nin se pagan nin se compensan nin cotizan

A Coruña -

A CIG desenvolveu este martes unha concentración diante dun supermercado Gadis en Arteixo para denunciar o traballo gratuíto que fan as empregadas e empregados da cadea de distribución e que a empresa nin remunera, nin compensa, e polas que tampouco cotiza á Seguridade Social.

"Traballo en Gadis, traballo gratis" ou "O exceso de xornada, Tojeiro non o paga", foron algunhas das consignas que se puideron escoitar durante a protesta que desenvolver a CIG ás portas do supermercado Gadis, sito na Avda. Arsenio Iglesias de Arteixo, en rexeitamento ao traballo gratuíto e para esixir o estabelecemento dun sistema de control mecánico da xornada laboral.

Esta práctica, explica Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, é habitual en todas as cadeas de distribución alimentaria e en Gadis dáse de xeito sistemático, xa que non hai rexistro de xornada. “Por norma, sobre todo nas seccións, as traballadoras entran entre 30 minutos e unha hora antes de que comece a súa xornada e saen máis tarde". De feito, engade, hai persoal que chega a facer até 200 horas extraordinarias ao ano sen compensación de ningún tipo.

Pero ademais, advirte Roberto Pérez, a empresa non lle renova o contrato temporal a quen se negue a realizar ese tempo de traballo gratuíto.

Actuacións da Inspección

Este abuso foi denunciado en numerosas ocasións diante da Inspección de Traballo “que agora comezou a actuar e nalgún supermercado, como neste de Arteixo, constatou que se produce exceso de xornada, aínda que a empresa nega que isto estea pasando e mesmo chegou a ameazar co despedimento as traballadoras e traballadores que conten a verdade á Inspección”, alerta.

"Hai persoal que entra nos manexos de Gadis e tenta sacar o rendemento e a produtividade que se lles esixe, aínda que iso supoña que non haxa horarios laborais. E por suposto a empresa está encantada e non se preocupa por cumprir a lei; distribúe unhas cargas de traballo imposíbeis de asumir na xornada ordinaria, de tal maneira que xa se calcula o traballo con ese tempo gratuíto. A Gadis aínda non chegou a xornada semanal de 40 horas", denunciou.

Un cadro de persoal con maioría de mulleres

O sindicalista pon o acento no feito de que esta situación dáse con maior frecuencia nos supermercados fóra dos centros urbanos e apunta á discriminación de xénero que agocha, pois “aínda existindo outros problemas, no almacén loxístico de Gadis -con maioría de traballadores- faise o rexistro de xornada e compútanse e páganse todas as horas extra. Pero nas tendas, con maioría de traballadoras, a empresa nin rexistra, nin paga, nin compensa o exceso de xornada”.

Volver