A CIG recorre o prego de condicións do concurso de licitación do SAF das Neves

A central denuncia que non se garante o cumprimento da normativa laboral, e anuncia folga indefinida todos os venres a partir do 27 de setembro

As Neves -

A CIG vén de presentar un recurso diante do Tribunal Administrativo de Contratación Pública (Tacgal) contra o prego de condicións do concurso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello das Neves xa que non se garante o cumprimento da normativa laboral vixente en canto aos dereitos das persoas traballadoras.

No seu escrito a central sindical reclama o cumprimento da lei de procedemento administrativo por parte do Concello das Neves “e se engada ao expediente a información correcta, garante das condicións das traballadoras, xa que os textos publicados están incompletos”.

Dende a CIG lembran que dende o mes de agosto as traballadoras desenvolveron diversas mobilizacións e catro xornadas de paros para demandarlle ao alcalde que cumpra co seu compromiso de revisión do prezo do servizo, permitindo a actualización salarial segundo convenio mentres non hai un novo contrato.

“As traballadoras van continuar coas súas reivindicacións até que os responsábeis municipais muden a súa posición e cumpran os acordos, por iso o pasado 13 de setembro decidiron convocar paros totais todos os venres, e folga indefinida todos os venres a partir do 27 de setembro”.

Na CIG denuncian que a pesar de que o Goberno local “vendeu como solucións reais para o SAF” os pregos de condicións do concurso que se publicaron o pasado 11 de setembro, o seu contido non garante a normativa laboral vixente para as traballadoras do servizo. “É o que é aínda máis grave: os textos publicados están incompletos, agochando de xeito intencionado documentación que se levou a aprobación no pleno sen facela agora pública”.

Até o punto de que coa intención de agochar as condicións do persoal das Neves publicaron o cadro de salarios e persoal a subrogar do ano 2020, a pesar de que o Concello conta con información actualizada aportada pola empresa. “De feito, a información correcta foi parte do expediente que se levou ao pleno”.

Consecuencias políticas

Tampouco se publica o estudo económico que tamén formaba parte do expediente. Faise mención ao documento como anexo ao texto de licitación, pero sen publicalo.  “A razón é que este documento é a proba de non hai calculada unha dotación económica para afrontar incrementos salariais nos vindeiros catro anos”. 

O persoal desenvolve paros todos os venres, e a partir do 27 irá á folga indefinida todos os venres

Por último, eludindo a súa obriga legal de dar a coñecer todos os pactos vixentes do persoal das Neves a efectos de subrogación, o Concello non publicou o pacto de centro de traballo do SAF asinado en decembro do 2023. “Pacto en cuxa negociación foi parte a propia concelleira, e do que o alcalde ten con copia enviada por rexistro o 3 de xaneiro de 2024”. Ademais, o Concello demorou case un mes dende o pleno para subir os pregos á plataforma de contratación.

“Actuando en contra da súa propia propaganda -que di aportar solucións reais ao SAF- non aportan absolutamente nada novo, nin sequera cuestións non económicas que foron consensuadas coas traballadoras; pero ademais fixeron o posíbel para ocultar as melloras pactadas coas empregadas municipais coa clara intención de abaratar o prezo de licitación”.

Finalmente, na CIG consideran que a ocultación intencionada de datos nun expediente administrativo “é moi grave e debera ter cando menos consecuencias políticas”.

Volver