A CIG reúnese cunha delegación chinesa da federación provincial de sindicatos de Zhejiang

Internacional -

Durante os días 27, 28 e 29 de xuño, unha delegación da federación provincial de sindicatos de Zhejiang, mantivo un encontro con representantes da CIG e desenvolveu diferentes actividades durante a súa estancia en Galiza.

A delegación estivo composta por Dong Jianwei, inspector de clase I da federación provincial de sindicatos de Zhejiang; Ye Ting, director do departamento financeiro; Ye Longmao, presidente do sindicato provincial de Zhejiang para as empresas provinciais e estatais; Huang Weiying, presidenta executiva da federación de sindicatos de Shaoxing; Wang Jianfeng, presidente executivo Jiaxing Federation of Trade Unions; e Cheng Zhejun, vicepresidente da federación sindical de Lishui.

Á súa chegada a Galiza mantiveron unha reunión coa Executiva Confederal da CIG na que se intercambiaron informacións sobre cada unha das dúas organizacións sindicais, a situación dos respectivos países e os futuros proxectos de colaboración e cooperación mutua, así como se entregaron algúns agasallos.

A CIG e a federación de sindicatos de Zhejiang veñen mantendo unha colaboración e intercambio dende o anos 2000, que se retoma agora, logo da pausa provocada pola pandemia.

Zhejiang é unha das rexións máis desenvolvidas de China (foi designada como zona de demostración para a prosperidade común polo goberno chinés). Está situada na costa sureste de China, cunha poboación de 66,27 millóns de habitantes, e un PIB de 8,25 billóns de yuans. O 70 por cento da emigración chinesa ao Estado español procede desta rexión. Ten diferentes sectores produtivos, entre os que destacan o téxtil (grande produtor de seda), a industria automobilística, a pesca, a minaría, e todo o relacionado coas novas tecnoloxías.

A federación de sindicatos de Zhejiang foi fundada en 1952, con 14 departamentos funcionais e varias entidades subordinadas, cubrindo 450.900 entidades e 18,177 millóns de membros. Os seus principais traballos son a mellora do sistema organizativo dos sindicatos, a mellora das habilidades e condicións laborais dos traballadores/as industriais, a construción de relacións laborais harmoniosas, e prestar servizos precisos para os traballadores e traballadoras.

A CIG resalta o interese en manter estes encontros e incrementar a colaboración mutua, sobre todo nos sectores laborais que gardan semellanzas nos nosos países, así como a solidariedade e cooperación nos diferentes foros internacionais en que participamos.

Proximamente, será unha delegación da CIG a que acuda á súa rexión, para coñecer de primeira man os sectores produtivos, o seu mundo laboral, e o seu modelo organizativo como sindicato.

En Santiago de Compostela, a 1 de xullo de 2024

Dpto. de Relacións Internacionais da CIG

Volver