A CIG-Salnés denuncia o despido fraudulento de catro traballadores/as do Hotel Louxo da Toxa

Reclamará a readmisión dos afectados/as, e en caso contrario presentará denuncia no xulgado para pedir a nulidade das rescisións de contrato

O Grove -

A CIG-Salnés denunciou onte en rolda de prensa o despedimento fraudulento de catro traballadores/as do Hotel Louxo da Toxa, no Grove, xa que a empresa esgrimiu motivos disciplinarios pero logo recoñeceu a improcedencia das rescisións de contrato. A central sindical reclamará a readmisión dos afectados/as, e en caso contrario presentará denuncia no Xulgado do Social para pedir a nulidade.

Responsábeis da CIG-Salnés e un dos tres representes do cadro de persoal (3 delegados/as da CIG) compareceron diante dos medios de comunicación para explicar que as causas que alega a dirección para despedir os catro empregados/as son falsas, “xa que recoñecen a improcedencia dos despidos, e de feito xa tiñan redactadas as papeletas da conciliación no SMAC para cada un dos afectados/as”. 

A propia empresa recoñeceu a improcedencia dos despidos

Ademais, a comunicación dos despidos produciuse o mesmo día en que os afectados/as foron cesados, e fíxose sen falalo antes coa representación legal dos traballadores/as. “Tiñan que comunicarnos a decisión e ver se había posibilidade de negociación; pero non deron opción, o que demostra que o querían facer pola vía rápida antes do peche do establecemento durante un mes para acometer distintas obras”.

Consideran que a intención do Hotel Louxo era desfacerse de catro persoas “pola vía rápida”, unha decisión que non entenden tendo en conta que a propia empresa recoñeceu que este ano bateron o récord de facturación. “Din que o último trimestre do ano e o comezo do que vén van ser máis complicados, pero puideron optar por medidas excepcionais como un ERTE ou a contratación fixa descontinua en lugar de polo despido de catro persoas (case un 10% do cadro de persoal, que non chega a 50) con bastante antigüidade na empresa e que tiñan contrato fixo a tempo completo”.

Volver