A CIG-Servizos convoca unha manifestación en Pontevedra por un convenio digno nas residencias privadas
Este venres 28 dende a residencia DomusVi de Loureiro Crespo ás 18:30 horas
Pontevedra -
O persoal das residencias da terceira idade privadas está chamado a participar nunha nova mobilización en demanda de melloras laborais reais no convenio colectivo. A CIG-Servizos ten convocada unha manifestación para este venres 28 en Pontevedra, que arrincará dende a residencia DomusVi da rúa Loureiro Crespo ás 18:30 horas e rematará na residencia Saraiva, na rúa Don Gonzalo.
Segundo explicaron onte en rolda de prensa responsábais da CIG-Servizos de Pontevedra, a mobilización fai parte dun calendario de protestas que a central sindical está a desenvolver por todo o país co obxectivo de dignificar as condicións de traballo das empregadas/os do sector.
A última xuntanza da mesa negociadora tivo lugar no mes de outubro, e nese encontro a patronal achegou unha proposta que deixaba o persoal sen complemento en caso de baixa, non incluía unha redución da xornada, non contemplaba melloras de carácter social e fixaba salarios por debaixo do SMI dende 2024 até 2027.
Unha proposta coa que o empresariado pretendía afondar na precariedade laboral que caracteriza un sector de coidados altamente feminizado: salarios pensados para ser complementarios dos homes, con xornadas parciais, con cargas de traballo elevadas, con esforzos físicos e con exposición a riscos. “Desta situación son responsábeis as patronais do sector, que buscan na necesidade social facer caixa a costa do lombo das traballadoras/es, coa connivencia de CCOO e UGT e a inoperancia da Xunta do PP”.
As actuais condicións de traballo foron legalizadas por CCOO e UGT mediante a sinatura do convenio vixente, que ocasionou unha perda de poder adquisitivo do 7,8%. E o modelo de atención e coidados a persoas maiores e dependentes foi implementado polo PP.
Sistema público e garantista
Un modelo no que o prezo por residente nos centros públicos é o mesmo que nos concertados, 21.273,09 euros, dos que a Xunta aporta o 70,1% (15.013,77 euros). E no que a metade das prazas que ofertan as residencias privadas son financiadas pola Xunta; destas, DomusVi e a Fundación San Rosendo reciben dúas de cada tres prazas concertadas. No caso de DomusVi o 70% do seu negocio vai a cargo do contribuínte.
E consecuencia, a Xunta ten nas súas mans intervir neste sector, xa que case a metade das prazas que se ofertan están directamente financiadas con cartos públicos. “Por iso urxe actuar e camiñar cara a un único marco, cara a un sistema de coidados público e garantista”.