A CIG-Servizos esixe rematar coa dobre escala salarial nos Centros Socioculturais de Santiago

Reclamáralle ao Concello que incluíse nos pregos de licitación do servizo a reunificación dos lotes e a actualización do convenio gañado por sentenza

Compostela -

A federación de Servizos da CIG esíxelle ao Concello de Santiago que remate coa dobre escala salarial existente entre o persoal dos Centros Socioculturais mediante a inclusión nos pregos de condicións de licitación do servizo a reunificación dos lotes e a actualización e designación do convenio colectivo propio gañado por sentenza para que todos/as os traballadores/as teñan as mesmas condicións laborais e económicas. Do contrario, anuncian que retomarán as mobilización para poñer en coñecemento da cidadanía “o aumento da precariedade que pretenden impoñernos dende o Goberno municipal”.

Dende a representación da CIG nos Centros Socioculturais composteláns lembran que a comezos do curso 23/24 informouse de que o Concello estaba traballando nuns novos pregos de licitación do servizo, ante o que a centra sindical fixo unicamente dúas peticións:

-A reunificación dos lotes para asegurar a igualdade das condicións do persoal, un traballo real por equipos e de calidade e unha representación sindical axeitada para un colectivo de traballadores/as que xa ronda a centena.

-A actualización e designación nos pregos do convenio colectivo -gañado por sentenza xudicial- común a todo o servizo que incluíse a todo o persoal da Rede de Centros cunhas mesmas condicións laborais e económicas. 

Comprometéranse a facer todo o posíbel para desbloquear o proceso de actualización do convenio propio

Mais, segundo explican, a unificación foi imposible de realizar polas trabas legais e xurídicas a un lote que xa foi dividido polo Goberno do PSOE en 2021. “Sen embargo, adquiriron con nós o compromiso de que farían todo o posíbel para desbloquear o proceso de actualización do convenio propio, recoñecido por sentenza xudicial, e que este convenio figurase nos novos pregos, de tal xeito que puidese aplicarse a todo o persoal; eliminando, así, a dobre escala salarial e social aínda existente a día de hoxe, evitando un futuro conflito colectivo”.

Neste senso, denuncian que tras seis meses de xuntanzas co concelleiro de Centros Socioculturais non conseguiron desbloquear a situación. “Perdemos o noso tempo e gañamos en precariedade e enfado. Queremos que a Concellaría faga todo o que está nas súas mans, que adquira os compromisos económicos necesarios para que as empresas negocien con tranquilidade unha equiparación salarial que non as leve á ruína. E queremos que o noso convenio propio, recoñecido xudicialmente, apareza nos pregos que están por saír”.

Retomar as mobilizacións

O conflito dos Centros Socioculturais do Concello de Santiago xa vén de longo. De feito, tal e como sinalan, o 2022 supuxo para o persoal un ano de conflito, folga, asistencias ao pleno, demandas ás empresas concesionarias do servizo, confronto con persoal municipal, acoso aos traballadores/as e protestas contra o Goberno municipal. “Un conflito que supuxo a dimisión do daquela concelleiro de Centros Socioculturais e coa marcha do alcalde, que non soubo xestionar un problema que lle estoupou nas mans”. 

Aínda que as reunións co novo Goberno foron fluídas, o abandono do servizo segue sendo o mesmo

O cambio de Goberno tras a eleccións municipais do 2023 non serviu tampouco por agora para mudar a situación. “Aínda que dende os primeiros momentos as reunións foron fluídas, a realidade é que o abandono do servizo segue sendo o mesmo: a temporalidade aumentou, a inexistencia de control sobre a aplicación dos pregos e sobre as empresas concesionarias que levan millóns de euros públicos é peor ca nunca, a fuga de talentos segue sendo protagonista, a dobre escala salarial segue vixente, a escala de salario máis baixa xa repercute en máis do 50% do persoal, etc.”

Polo que no caso de que o Concello manteña a mesma actitude e non se decida a rematar dunha vez por todas con esta situación o cadro de persoal retomará as mobilizacións “para poñer en coñecemento da cidadanía o aumento da precariedade que pretenden impoñernos”.

Volver