A empresa Celso Míguez presenta concurso de acredores a anuncia 25 despedimentos
A dirección culpa o comité das débedas que mantén co persoal
Pontevedra -
Celso Míguez, empresa dedicada á comercialización de pintura con sede en Pontevedra pero con centros de traballo por toda Galiza, vén de anunciar a presentación dun concurso de acredores e o despedimento de 25 persoas, o que significa que se vai desfacer da metade do cadro de persoal. ´Na xuntanza mantida onte co comité, a dirección acusou a representación sindical de ser a culpábel das débedas salariais que a compañía mantén cos traballadores/as dende hai meses.
Segundo explican dende a CIG-Servizos de Pontevedra, Celso Míguez aceptou finalmente manter unha reunión co comité “tras varias peticións que non foron atendidas”. No encontro anunciou a presentación do concurso e os despedimentos, que supoñen deixar na rúa a metade do cadro de persoal, integrado por unhas 50 persoas.
“A empresa segue a negar que a situación actual estea derivada dunha mala xestión, e di que os impagos de salario (acumula cinco nóminas e dúas pagas extra sen abonar) están motivados pola conflitividade dos dous últimos meses, cando o certo é que a compañía leva anos acumulando débedas”, denuncian.
Con todo, dende a CIG reiteran que seguirán a loitar polo mantemento dos postos de traballo do persoal que decida permanecer da empresa. Neste senso, a central asesora a un total de 14 traballadores/as (13 en Pontevedra e un en Lugo) que presentaron demandas xudiciais para reclamar a rescisión dos contratos e o cobro dos salarios. O xuízo de Lugo celebrouse hoxe mesmo, mentres que no caso pontevedrés continúan á espera.