A folga indefinida polo impago de salarios en Hiperxel pecha as tendas de todo o país
A empresa de conxelados adebédalle xa catro nóminas ao cadro de persoal e segue sen dar información sobre o seu futuro
Nacional -
A práctica totalidade das 311 traballadoras/es que a empresa de produtos conxelados Hiperxel ten por todo o país están a secundar a folga indefinida que deu comezo este luns para reclamar o pago dos salarios pendentes, o que mantén pechadas todas as tendas. Dende a CIG-Servizos denuncian que a dirección segue sen informar tanto a respecto do futuro da compañía -que acumula unha importante débeda- como dos postos de traballo.
En consecuencia o cadro de persoal decidiu convocar folga e mobilizacións diarias, nas que están a participar un bo número de empregadas/os. No caso de Vigo, por exemplo, o luns celebrouse unha manifestación até a delegación da Xunta, mentres que onte e hoxe tiveron lugar concentracións ás portas dos distintos establecementos da cidade. De igual xeito acontece dende o inicio da folga nas tendas que a empresa ten nas catro provincias galegas.
O principal obxectivo destas medidas de presión é que Hiperxel abone de xeito inmediato os catro soldos pendentes, “tal e como dixo que ía intentar pero que ao final non fixo”, sinala a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández. De igual xeito, a dirección amosara a súa intención de manter unha xuntanza esta semana coa representación sindical para abordar o futuro da empresa, “mais semella que esta reunión tampouco se vai producir”.
Finalmente, dende a central sindical lamentan que as traballadoras/es teñan que padecer unha situación insostíbel “porque ao feito de non cobrar os seus salarios súmaselle a incerteza sobre o futuro dos seus empregos”.