A folga no servizo de parques e xardís de Vigo chega ao 4º día cun seguimento do 95%

A empresa está obrigando o estudantado en prácticas a facer o traballo do persoal en folga e a realizar tarefas que non están nos servizos mínimos

Vigo -

Este xoves cúmprense catro días de folga no servizo de mantemento de parques e xardíns do Concello de Vigo, cun seguimento que rolda o 95% do persoal. A CIG-Servizos denuncia que a empresa concesionaria, UTE Zonas Verdes de Vigo (formada por Acciona e Civis Global), está obrigando o estudantado en prácticas de FP a facer o traballo do persoal en folga.

Este feito tan grave, que constitúe unha evidente acción de esquirolaxe, xa foi posto en coñecemento da Inspección de traballo e do centro educativo. Ademais, advirte a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, a empresa vulnera o dereito á folga nos servizos mínimos, ao obrigar a realizar tarefas de desbroce, poda e outros traballos que non teñen a  consideración de servizos mínimos.

Fernández destaca que, malia estes intentos de boicot, o 95% do cadro de persoal está en folga "e soamente traballan os xefes, os encargados e parte do persoal de oficinas". Lembra que o obxectivo da folga é conseguir un convenio colectivo que garanta o poder adquisitivo dos traballadores e as traballadoras deste servizo (unhas 110 persoas) e "para iso reclamamos que se inclúa unha cláusula de revisión salarial ao IPC real que opere cada ano".

Xunto a isto, demándase a contratación de seis persoas indefinidas e eliminar os contratos fixos-descontinuos; regularizar as xornadas das quendas de tarde; e aumentar o prezo dos pluses co incremento pactado no convenio.

A empresa, pola súa parte, pretende atrasar calquera incremento económico ao último ano do convenio (2027) para que sexa a nova concesionaria a que suma estes custes. "Non imos consentir nesta pretensión, porque suporía que os traballadores e as traballadoras estarían tres anos con subas inferiores ao IPC", asevera a secretaria da CIG-Servizos.

Ante a falta de movementos por parte da UTE, xa avanza que a folga e as mobilizacións diarias continuarán adiante "até que a empresa presente unha proposta xusta que permita alcanzar un acordo satisfactorio e pechar o conflito".

Por último Fernández lamenta o papel que está a xogar o Concello de Vigo, desentendéndose do persoal que presta este servizo e limitando a súa actuación a perseguir e controlar o que fai o persoal en folga, mais sen colaborar na busca dunha solución.

Volver