A limpeza do CIFP Manuel Antonio de Vigo convoca protestas mentres non se abone a nómina de febreiro

O persoal de SERLYM, concesionaria do servizo, desenvolverá concentracións diarias diante das instalacións a partir deste xoves día 15

Vigo -

O cadro de persoal de SERLYM, concesionaria do servizo de limpeza do Centro Residencial Docente e do Instituto de Formación Profesional Manuel Antonio de Vigo vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións mentres non se lle abone a nómina do mes de febreiro. As protestas terán lugar diante das instalacións do instituto todos os días ás 10:00 horas a partir deste xoves 15.

Dende a CIG-Servizos explican que a compañía xa deixara sen abonar 200 euros a cada unha das persoas traballadoras nos mes de outubro. Ademais, SERLYM ten demandas no Xulgado do Social por non pagar os aumentos salariais correspondentes en 2023. 

A Xunta quere prestar servizos con empresas privadas pero a coste cero

“Mais a dirección non se pon en contacto con ninguén, e menos coa RLT, polo que o persoal aprobou en asemblea facer denuncias diante da Inspección de Traballo e da propia Xunta de Galiza, dado que é quen lle concede a limpeza ás empresas; pero a día de hoxe non temos resposta das reclamacións feitas”, sinalan dende a central nacionalista.

Ao mesmo tempo, lembran que este centro de traballo atópase en concurso nestes momentos, xa que hai uns meses quedou deserto ao non presentarse ningunha empresa. Culpan desta situación á política da Xunta do PP, “que quere prestar servizos con empresas privadas pero a coste cero; por non falar de que estas privatizacións afectan moi negativamente o servizo de limpeza e vulneran os dereitos da persoas traballadoras, que non perciben os salarios como lles corresponde”.

Volver