A patronal de autobuses comunica que acepta a mediación no AGA

O próximo luns haberá xuntanza pero manténse a folga e as mobilizacións convocadas para este venres

A Coruña -

Este xoves, a media mañá, chegaba por fin resposta da patronal á solicitude de mediación formulada polas centrais sindicais hai xa case unha semana. O empresariado comunicou o través do Consello Galego de Relacións Laborais que acepta a mediación, quedando fixada unha primeira xuntanza para o luns 26 de xaneiro.

A CIG entende que esta resposta é froito da presión mobilizadora exercida pola parte social e que a folga está cumprindo os seus obxectivos. Non obstante, aclara que a xornada de folga convocada para mañá venres segue activa e anima o persoal a secundar o paro e as concentracións para demostrarlle á patronal que o sector non parará até conseguir un convenio digno.

Neste senso, a CIG agarda que as asociacións empresariais acudan á mediación con vontade real de negociar e chegar a un acordo de convenio que permita rematar co conflito. "Agora por fin temos unha mesa para negociar e veremos que resultados dá. O persoal segue preparado para a folga indefinida se non hai avances, pero agardamos que a patronal entenda que meter o conxunto do transporte de viaxeiros/as nunha folga indefinida significa endurecer o conflito dunha maneira que cada vez teña máis difícil solución", valora Ernesto López Rei, representante da CIG.

Considera que sería unha auténtica irresponsabilidade por parte da patronal teimar na súa postura de non querer negociar nada, cando os traballadores e as traballadoras están cos soldos conxelados dende 2024 e coas condicións laborais sen actualizar dende hai anos.

Lamenta que dende que comezou o conflito a Xunta de Galiza permaneza nunha absoluta inacción, sen importarlle que milleiros de persoas quedaran ser servizo de autobús en cada unha das nove xornadas de folga realizadas até agora, nin interesarlle tampouco as condicións nas que se presta este servizo público do que a administración galega é responsábel.

Así as cousas, a CIG insta a patronal a reflexionar e non desperdiciar a oportunidade que se abre coa mediación para resolver o conflito e acadar un convenio provincial con salarios e condicións dignas.

Horas e lugares das mobilizacións convocadas para mañá venres 23:

  • A Coruña: ás 11:00 horas, concentración da Dirección Xeral de Mobilidade (a carón da estación de autobuses).
  • Santiago de Compostela: ás 11:00 horas, manifestación con saída nas cocheiras de Monbús en Amio e remate no mesmo punto.
  • Ferrol: ás 11:00 horas, concentración diante do edificio da Xunta.

Volver