A Plataforma Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo sacará de novo ás rúas as mesas de recollida de sinaturas en apoio da ILP “Liberemos a Galega”
Fan un chamamento a asinar masivamente esta proposición en defensa dos nosos medios públicos, para erradicar a manipulación informativa e preservar o sistema democrático, este martes 4 de novembro
A Plataforma “Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo” sacará de novo ás rúas as mesas de recollida de sinaturas en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Liberemos a Galega”, este martes día 5 de novembro. A Plataforma fai un chamamento a acudir a asinar a Iniciativa para poñer fin á manipulación informativa, garantir a independencia dos nosos medios públicos, o pluralismo político, social e cultural e preservar así o noso sistema democrático.
A Plataforma reclama que, fronte á utilización da TVG e da Radio Galega como aparellos de propaganda do Executivo, se antepoñan os valores de carácter ético e político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo.
Entende que é urxente a democratización dos nosos medios públicos, tanto na súa cobertura informativa, que debe respectar de forma escrupulosa a “obxectividade, imparcialidade, neutralidade, veracidade e o pluralismo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais”, como no nomeamento do Consello de Administración e do seu Director ou Directora Xeral.
Por iso incide tamén en que a TVG e a Radio Galega cumpran o fin para o que naceron: a defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura, e a promoción activa da igualdade e da diversidade.