A sanidade privada da Coruña segue en loita por un convenio digno

O persoal mobilizouse esta mañá polas rúas de Compostela coincidindo coa segunda xornada de folga

Nacional -

Traballadoras e traballadores da sanidade privada de Compostela manifestáronse esta mañá desde o Hospital da Esperanza até o da Rosaleda para demandar un convenio digno no sector da sanidade privada da provincia da Coruña. O persoal denuncia a paralización das negociacións do convenio; exixe a retirada das propostas da patronal, que suporían un retroceso nas súas condicións laborais, e que rematen as presións e as prácticas de esquirolaxe.

A mobilización coincidiu coa segunda das xornadas de folga convocadas nesta nova quenda que se acompañou en Santiago con esta mobilización e no resto da provincia con presenza do persoal nos centros de traballo.

Esquirolaxe

Segundo denuncia Miguel Tizón, responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde, a día de hoxe a patronal non deu sinal algunha de querer sentar a negociar. Lonxe disto, afirma, “aumentou as medidas de presión sobre o persoal mesmo substituíndo a quen secunda a folga por persoal que non a secunda”. Unha práctica que cualificou de “auténtica esquirolaxe” e que anunciou que denunciarán perante da inspección de traballo.

A este respecto, Ana Varela, presidenta do comité do Hospital da Rosaleda, explica que nestes días chegaron a enviar a traballadoras dun hospital a outro para cubrir “non urxente”, ou de unhas unidades a outras, como raios, para que non se note a incidencia da folga.

Esta actitude da patronal non é nova e a CIG xa presentou a semana pasada denuncia perante a Inspección de Traballo contra o grupo Ribera Salud, propietario do Hospital Juan Cardona de Ferrol, por vulneración do dereito fundamental á folga.

Para Tizón estas prácticas vulneran o dereito fundamental á folga e son constitutivas de delito "é un delito e por iso presentamos denuncia na Inspección de Traballo, para que abra as oportunas investigacións".

Xunto a isto considera que este tipo de prácticas "denotan tamén o nerviosismo da patronal ante o éxito que están tendo as mobilizacións, cun especial impacto en determinados servizos, malia que as empresas queren minimizar o seguimento dos paros".

As tres xornadas de folga convocadas para esta semana os días 15, 16 e 17 de abril súmanse ás seis xornadas previas e a unha morea de mobilizacións que veñen desenvolvendo desde que se iniciou o conflito.

A patronal pretende retirar dereitos que xa tiña o persoal recoñecidos, como o cobro do 100% das baixas ou o cobro de trienios. Fronte a isto, a CIG exixe un incremento salarial que permita á maior parte do persoal deixar de ser mileurista; a redución da xornada anual para que se achegue á media do sector; que se lles pague o traballo en domingos e outra melloras en materia de licenzas e permisos.

Volver