A sección sindical da CIG lanza unha campaña contra a precariedade en FROIZ na provincia da Coruña
Convoca unha concentración para o 13 de decembro, ás 12:00 horas, na Praza do Toural
Nacional -
A sección sindical da CIG en Froiz da provincia da Coruña, inicia unha campaña contra a precariedade na empresa. Con ese motivo anuncia a convocatoria dunha mobilización para o vindeiro 13 de decembro ás 12:00 horas na Praza do Toural de Compostela.
A sección sindical da CIG denuncia a elevada carga de traballo debido á non cobertura de ausencias, que a empresa incumpre o convenio en materia de promocións e a non compensación das novas tarefas de limpeza das instalacións dos centros de traballo asignadas ao persoal.
Por iso vén de iniciar unha campaña de denuncia desta situación, mais tamén contra a precariedade salarial nesta empresa, porque aos baixos salarios estipulados para o sector do comercio da alimentación hai que engadir a elevada carga de traballo e problemas para realizar os descansos estipulados que o persoal ten que soportar, porque a empresa non substitúe persoal en I.T, vacacións, licenzas retribuídas.
Denuncian ademais o incumprimento sistemático do convenio colectivo, nomeadamente no referido ás promocións profesionais e a negativa a establecer un "plus de limpeza" naqueles centros onde se lle está encomendado ao persoal limpar ademais da súa sección, o resto das instalacións do supermercado.
A isto engaden que o sistema de abono de comisións por vendas implantado voluntariamente pola empresa supón que se o persoal quere mellorar os seus salarios, teña que facer un esforzo "extra" para poder acadar os obxectivos marcados que en moitas ocasións non se ve recompensado
Desde a CIG xa se teñen tratado todos estes puntos en varias reunións coa dirección da empresa e ademais a finais de outubro solicitóuselle unha reunión extraordinaria para tratar esta casuística pero foi rexeitada.