A Xunta anuncia un ‘bono residencia’ que fomenta os centros de maiores privados
A CIG esixe o fortalecemento da rede pública aumentando o número de prazas
Nacional -
O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que o ‘bono residencia’ que vén de anunciar a Xunta fomenta o sistema privado de centros de maiores, “xa que se lle entregarán 1200 euros a cada persoa que o solicite para ir a unha residencia privada, independentemente do grao de dependencia ou do nivel de renda”. Fronte a isto, a central sindical esixe o fortalecemento da rede pública aumentando o número de prazas dispoñíbeis nos centros públicos.
Dende a CIG-Autonómica critican que o Goberno galego “leve tempo en campaña electoral repartindo cartos en forma de bonos directos que responden ás súas políticas incentivadoras do privado”. Deste xeito, despois do ‘bono comercio’ e do ‘bono autónomos/as’ chega o ‘bono residencia’, que se vén sumar ao ‘bono coidado universal’ (5000 euros anuais). “Podería ser unha boa medida para que as persoas maiores puideran vivir nos seus fogares grazas a esa axuda para a persoa coidadora, se non fora tamén porque se concede independentemente do nivel de renda”.
Podería ser unha boa medida para que as persoas maiores puideran vivir nos seus fogares grazas a esa axuda para a persoa coidadora, se non fora porque se concede independentemente do nivel de renda
Neste senso, na central sindical lembran que a necesidade de crear novos centros 100% públicos para a atención á dependencia é algo que a sociedade esixe dende hai moito tempo, xa que son garantes de servizo público universal e de calidade. “Non hai moito puidemos ver como as traballadoras/es de Política Social e do Consorcio tivemos que ir rescatar ás persoas usuarias das residencias privadas ante o caos e as numerosas mortes nestas residencias que se deron durante a crise da covid, sen esquecer que ducias de compañeiras/os foron desprazadas/os a outras provincias e cidades e que tiveron que convivir nestas residencias para atender os nosos maiores e por orde no caos asistencial que había nestes centros”.
Polo tanto a CIG Autonómica defende a xestión publica das residencias como a única forma de garantir unha atención de calidade que sexa sinónimo de bo trato e fomente o benestar dos nosos maiores, cun cadro de persoal profesional e con control constante.
Cada vez menos prazas públicas
Porén, lamentan que cada vez haxa menos prazas dispoñíbeis mentres a demanda aumenta. “É necesario ampliar a rede pública e incrementar o número de centros até cubrir o 100% da poboación e do territorio, establecer un servizo de calidade que protexa as persoas usuarias fronte aos abusos das empresas que fan negocio a base de precarizar o persoal e maltratar as persoas usuarias, como xa se viu na pandemia da covid”.
Para rematar, dende a CIG-Autonómica pregúntanse se con medidas deste tipo a Xunta pretende tapar a “nefasta xestión” no control das entidades privadas que derivaron “no peor dos malos tratos” ás persoas maiores na pandemia. “Onde está a idea de mudar o modelo de residencias cara a outras máis pequenas espallados polo territorio e máis próximas á familia para facer posíbel o mantemento do contorno social?”.