Amplo seguimento entre o persoal galego dos paros convocados contra o ERE en Vodafone

Os traballadores/as aproveitaron para mobilizarse en Vigo e na Coruña

Vigo/A Coruña -

O primeiro dos paros de dúas horas convocados a nivel estatal para rexeitar o ERE en Vodafone tivo un amplo seguimento entre o persoal galego dos centros de traballo de Vigo e da Coruña, que aproveitou para desenvolver protestas nas dúas cidades. As medidas de presión continuarán este mércores e o xoves, con novos paros, concentracións e manifestacións.

Os paros parciais tiveron lugar de 10:00 a 12:00 horas, tempo no que o persoal da empresa de telecomunicacións aproveitou para levar a cabo concentracións diante das sedes viguesa e coruñesa. Está previsto que as medidas de presión continúen mañá mércores (paros e mobilizacións no mesmo horario e nos mesmo lugares) e o xoves, cando ademais dos paros celebrarase manifestacións en Vigo e na Coruña. 

As medidas de presión continúan este mércores e o xoves, con novos paros parciais, concentracións e manifestacións

No caso de Vigo que arrincará da gasolineira de Zona Franca (onde se atopa a sede de Vodafone) ás 10:00 horas e que rematará no mesmo lugar tras dar a volta na rotonda da Avenida da Atlántida, en Bouzas. Mentres que na Coruña cortarase a rúa na que se atopan as instalacións da empresa, no polígono da Grela).

Dende a representación da CIG en Vodafone denuncian que o ERE anunciado pola compañía -que vén de ser adquirida polo fondo de investimentos Zegona- podería afectar o 35% dos empregos, ao tempo que lembran que Vodafone xa eliminou máis da metade dos postos de traballo no noso país dende 2012.
O persoal galego da empresa está integrado na actualidade por arredor de 120 operarios/as en Vigo (repartidos/as entre Vodafone España e Vodafone ONO) e por uns 35 na Coruña. “As previsións da empresa pasan por prescindir do 35% do emprego en cada un dos departamentos, xa que anunciou a súa intención de despedir un total de 1198 persoas no conxunto do Estado das máis de 3200 que conforman o cadro de persoal”.

A representación sindical está á espera de coñecer os detalles da operación para saber de que xeito afectaría ao persoal galego. Mais dende a CIG xa solicitaron toda a documentación referida ao ERE e á planificación, así como calquera documentación que se vaia utilizar na mesa de negociación.

Volver