Arcasa recoñece o despedimento improcedente da traballadora despedida tras estar de baixa
A empresa ofreceulle unha contiosa indemnización para non ter que chegar a xuízo
O Salnés -
Coincidindo coa celebración, esta mañá, da xuízo dunha traballadora que foi despedida por Arcasa, concesionaria da cociña e da cafetaría do hospital comarcal do Salnés, tras reincorporarse dunha baixa de longa duración, a empresa ofrecía unha indemnización bastante superior á legal. A CIG entende que, deste xeito, a empresa recoñece a improcedencia e que o verdadeiro motivo do despedimento foi, ademais de ter estado de baixa, defender os seus dereitos.
Segundo explica o representante da CIG de Pontevedra, Anxo Lúa, ofrecendo esta elevada cantidade de cartos “a empresa buscaba a súa complicidade para que no seguira adiante co proceso xudicial, confirmándose así o que viñamos denunciando, que non era certo o que poñía na carta de despedimento, que se trataba dun problema de máis ou menos produtividade, senón porque estaba enferma”.
A empregada foi despedida por Arcasa como represalia por defender unhas condicións laborais dignas, tanto para ela como para o resto do persoal, polo que a CIG de Pontevedra puxo o caso en mans da asesoría xurídica para reclamar a nulidade.
Dende a CIG viñan denunciando ademais que a empresa non estaba a cubrir as baixas nin as reducións de xornada, sometendo ao seu persoal a unha sobrecarga de traballo “sobrenatural” e a uns ritmos de traballo “inasumíbeis”.
De feito, na cociña traballan unicamente dúas persoas na actualidade, un/ha cociñeiro/a e un/ha axudante de cociña, que teñen que cociñar e empratar, e o axudante servir nas 80 habitacións que hai no hospital.
Isto require un triplo esforzo por parte do persoal, xa que ten que realizar o traballo das dúas persoas que faltan. Como consecuencia, estanse a producir atrasos no servizo de comidas e incumprimentos dos pregos de condicións da cafetaría, que obrigan a ter dúas persoas axudantes, e só hai unha. Situación que foi, no seu momento, posta en coñecemento da dirección do hospital do Salnés a través a xunta de persoal e da delegada sindical da CIG, sen que teña feito nada ao respecto.
Baixo rendemento
Neste contexto, nada máis reincorporarse dunha baixa como consecuencia dunha grave enfermidade a traballadora afectada foi cambiada de posto (pasou da cafetaría á cociña) e sometida a unha carga de traballo abusiva. “O seguinte que fixeron foi despedirla”, sinalou Lúa.
A central sindical sostén que tamén se están a producir incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais: as estanterías da cociña e o falso teito atópanse en mal estado, os enchufes están rotos ou presentan deficiencias, ademais de atoparse cerca de puntos de auga, o vertedoiro está moi deteriorado, prodúcese sobreesforzo á hora de lavar a louza porque unha persoa soa non pode coas bandexas, etc.
Estas deficiencias fóronlle trasladadas ao Sergas no mes de xuño, sen que polo momento tivesen resposta por escrito. “A única resposta foi o despedimento desta compañeira que se atopaba de baixa por graves problemas de saúde; cando en xuño se reincorpora atopouse cunhas tarefas que lle supuñan un esforzo titánico, e cando se queixou, a empresa optou por rescindirlle o contrato”.