CIG-Área Pública advirte da “estafa” do pacto salarial: cando se abonen os atrasos do 0,5%, o persoal xa acumulará unha perda do 2,30%
Este deterioro é froito do “pacto de perdas” asinado polo Goberno, CCOO e UGT que agora pretenden vender como un éxito
Nacional -
A Área Pública da CIG (Administración Pública, Ensino e Saúde) critica que o Goberno estatal, CCOO e UGT presenten un como éxito que o persoal empregado público vaia cobrar os atrasos correspondentes á suba do 0,5% que se lle debe, cun carácter retroactivo de 18 meses. As tres federacións da CIG rexeitan que ese pago non se tivera producido no tempo que correspondía (xaneiro de 2025) e advirten da “estafa salarial” que supuxo o pacto sindical estatal de 2022, que en só tres anos levou a que o persoal perdera o 2,30% do seu poder adquisitivo.
O acordo asinado polo Goberno español, CCOO e UGT “non respondeu ás necesidades de recuperar o que nos recortaran previamente” nin serviu “para estabilizar os salarios ao respecto do IPC”. A Área Pública da CIG explica que o efecto do pacto sindical estatal de 2022 (vencido en 2024) foi unha suba do 9,8% (computando xa o 0,5% que sei vai percibir agora). Pero neste mesmo tempo, sen contar este ano 2025, “o IPC subiu un 12,10%. Isto é, o resultado do “pacto de perdas” foi unha depreciación do noso salario dun 2,30%”.
Para evitar este deterioro do poder adquisitivo, a CIG sentou na mesa de negociación en 2022 coa proposta de vincular os salarios ao IPC “e esa segue sendo a nosa esixencia para este ano 2025”. A este respecto, á Área Pública censura que transcorrido xa máis da metade do ano, o Goberno español non puxo enriba da mesa ningunha proposta de incremento para este exercicio ou os vindeiros. “Levamos por tanto un desfase e unha conxelación de facto de medio ano e non hai ningunha medida anunciada. Unha vergoña”, valoran.
Actualización dos salarios
Neste contexto, a CIG esixe a negociación, con carácter de urxencia, da actualización dos salarios do persoal empregado público partindo das seguintes premisas:
- Suba salarial do 5% para este ano 2025, con efectos retroactivos desde xaneiro. Esta suba implicaría recuperar o desfase do pacto salarial 2022-24.
- Incorporación dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC, de tal xeito que calquera suba dos prezos ao respecto da suba salarial se compense a finais de ano.
- Recuperación íntegra das pagas extras, recortadas desde 2010 no salario base e os trienios, conceptos salariais que dependen do Estado.
- Calquera acordo plurianual debe descansar sobre eses principios fundamentais, así como dun plan de recuperación do poder adquisitivo pedido nos últimos anos que, co acumulado deste ano 2025, xa supera o 20%.