As traballadoras de Arenal Perfumerías irán á folga o 24 de novembro por uns salarios dignos
A Coruña -
A CIG e UGT (que contan con 6 e 2 representantes no comité) teñen convocada folga para o venres 24 de novembro en toda as tendas de Arenal Perfumerías da provincia da Coruña para reclamar uns salarios dignos. A convocatoria foi apoiada por unanimidade das asembleas celebradas na cidade herculina, Santiago de Compostela e Carballo en resposta á negativa da empresa a mellorar as retribucións e a reforzar os cadros de persoal.
Arenal aplica o convenio estatal de perfumerías que contempla unhas condicións moi inferiores ás do convenio provincial de comercio vario. De feito, máis do 70% do cadro de persoal de Arenal (formado na súa maioría por mulleres) cobra o Salario Mínimo Interprofesional, malia que a empresa (fusionada con varias multinacionais do sector e en pleno proceso de expansión) gaña beneficios millonarios.
A pesar das continuas e repetidas solicitudes do comité para que se poña solución a esta precariedade, Arenal só deu a calada por resposta. Diante disto, as traballadoras acordaron iniciar mobilizacións para demandar condicións xustas e convocar unha xornada de folga coincidindo co Black Friday.
Cobrar como as compañeiras do resto do comercio
"O único que pedimos é cobrar o mesmo que as compañeiras do comercio vario, das que nos separan enormes diferenzas", subliñan. Como exemplo, neste 2023 o soldo anual dunha auxiliar regulada polo convenio estatal é 2.800 euros inferior ao dunha traballadora da mesma categoría á que se lle aplica o convenio provincial da Coruña, e no caso dunha dependenta esa diferenza increméntase até os 4.300 euros.
A este respecto, a CIG-Servizos critica que o convenio estatal de perfumerías "é unha auténtica burla" e na última negociación asináronse unhas táboas "que só tres meses despois foron superadas pola suba do Salario Mínimo".
Ás baixas retribucións hai que engadir o exceso de traballo que teñen que soportar e a mobilidade funcional que asumen as traballadoras sen ningún tipo de compensación ecónomica, derivada dos recortes de persoal dos últimos anos. Na provincia da Coruña, Arenal Perfumerías conta con 12 tendas e unhas 180 traballadoras e traballadores.
Mobilizacións convocadas para o día da folga
Para dar máis visibilidade á súa loita, o día da folga faranse tres protestas na Coruña, xa que nesta cidade se concentra o maior número de tendas e de persoal:
- Ás 11h diante da tenda da rúa San Andrés.
- Ás 13h no CC Catro Camiños.
- Ás 18h no CC Marineda City.