As traballadoras de residencias privadas da terceira idade exixen a equiparación coas das públicas

Demandan unha reunión coa conselleira e solicitarán xuntanzas cos grupos parlamentarios

Nacional -

Traballadoras de residencias privadas da terceira idade concentráronse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano para demandar a súa equiparación ás traballadoras do sector público, entre berros de “Non somos escravas, somos traballadoras” ou “Atención decente para dependentes”.

A mobilización insírese na campaña iniciada xa o ano pasado para reclamar a Xunta de Galiza  máis subvencións para todo o persoal do servizo de residencias privadas da terceira idade, que é, tal e como explicou a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, “un servizo que está privatizado” e polo que a Xunta “paga a certas empresas”. Unha situación que, denunciou, “fai que a situación das traballadoras e das persoas residentes sexa peor”.

A CIG-Servizos entende que isto se pode solucionar “incrementando ratios e coa equiparación salarial das traballadoras das residencias privadas coas das públicas da Xunta de Galiza”. Deste xeito, o persoal podería ter “menos xornada e máis salario, ademais de contar cun número de efectivos maior para poder xestionar mellor o servizo diario”.

Ratios insuficientes

O número mínimo de persoas traballadoras que corresponden por cada persoa usuaria nunha residencia privada ou de xestión privatizada está regulada pola Xunta de Galiza, que ten sen actualizar as ratios dende o ano 1996. Isto a pesar do avellentamento da poboación galega e do incremento das necesidades de atención nos centros. Pero a esta ratio desfasada hai que engadir que en moitos casos as empresas non cumpren nin sequera cos mínimos de persoal (especialmente nas categorías de xerocultora, enfermería e limpeza), xa que contabilizan como ratio o persoal que non presta atención directa.

A equiparación das residencias públicas coas privadas permitiría mellorar a situación porque mentres nas públicas hai unha ratio de 0.20 traballadoras/es por persoa dependente moderada e dun 0.35 por leve, nas residencias privadas, e mesmo nas de xestión privatizada, non se cumpre porque as empresas contan a atención non directa (como o traballo social, a animación, fisoterapia etc.) nestas ratios.

Esta falta de persoal suficiente tradúcese nunha atención en precario tanto no relativo ás condicións laborais como á calidade asistencial e en tempos dun máximo de 8 minutos para lavar, vestir e erguer unha persoa dependente ou dar de xantar a 20 persoas dependentes en hora e media. Condicións que non garanten unha atención digna.

Fernández considera que esta equiparación non lle custaría moito á Xunta porque, simplemente, tería que elevar esas subvencións para que as propias empresas que están levando eses servizos o implantaran no convenio colectivo.

Isto, lembrou, “xa se conseguiu en empresas tan importantes como as de limpeza hospitalaria, as cociñas dos hospitais ou o servizo de limpeza da Xunta de Galiza, que teñen equiparación salarial co persoal laboral”. E esta sería a mellor solución dado que a Xunta de Galiza impide que este sector sexa totalmente público, que é o que defende a CIG, para que quede “fóra das mans das empresas mafiosas e privadas que son as que están precarizando non só o convenio colectivo, que asinaron CCOO e UGT, senón tamén a calidade asistencial”.

Á espera dunha xuntanza coa conselleira

A CIG-Servizos ten solicitado reunións coa conselleira sen que houbera, polo momento, resposta algunha. Por iso, no decurso desta concentración trasladaron por rexistro outra petición e xa adiantaron que “volveremos as veces que sexa preciso á Xunta para reclamar esa reunión que pode encamiñar unha solución para que xa se empece a traballar cara esa equiparación salarial e social”.

Ademais, continuarán mobilizándose pedindo tamén xuntanzas no Parlamento galego cos grupos parlamentarios para explicarlles cal é a situación, ademais de mobilizacións en cada centro de traballo.

Volver