As traballadoras de Women'Secret secundan a segunda xornada de folga contra a explotación laboral

Compostela -

A práctica totalidade das traballadoras das tendas Women'Secret da provincia da Coruña están secundando este venres a segunda xornada de folga para denunciar a precariedade laboral que padecen. O paro é un éxito rotundo e as tendas que a cadea do grupo Tendam (Cortefiel, Springfield) ten na provincia permanecen sen actividade.

Para das máis visibilidade á súa loita, as dependentas concentráronse ao mediodía no estabelecemento Women’Secret da Praza de Galiza (en Santiago de Compostela). A folga está convocada polos tres sindicatos con representación no comité provincial (CIG, UGT e Fetico), que critican a “falta de diálogo” por parte da dirección de Tendam.

A presidenta do comité, Silvia Lolo, denuncia que, dentro do grupo, "Women'Secret é a cadea con peores condicións” e que levan moito tempo facéndolle peticións á empresa “con multitude de reunións e denuncias diante da Inspección de Traballo”.

Entre as reivindicacións das traballadoras figuran a necesidade de contratar máis persoal, a equiparación das condicións de traballo con outras tendas do grupo Temdam e a adopción de medidas de conciliación por parte da dirección.

Engaden que, debido á escaseza de persoal, as traballadoras non poden facer os descansos que lles corresponden durante a súa xornada laboral e nin sequera teñen tempo para ir ao baño. A este respecto, subliñan que para poder atender toda a carga de traballo en condicións dignas  e que se respecten os dereitos das compañeiras "faría falta o dobre de persoal”.

Neste liña, denuncian que dende a situación laboral continúa deteriorándose e poñen de exemplo o que acontece coa tenda situada na Praza de Lugo na Coruña, que por falta de persoal e a negativa da empresa a realizar mási contratacións, algúns día cerra ao mediodía e tense que adiantar a hora de peche.

Indican ademais que algunhas dependentas acumulan máis de 30 contratos diferentes cada ano a base de anexos e denuncian que as encargadas de Women’Secret cobran até 300 euros menos que os encargados de tenda doutras cadeas do grupo.

Volver