Asinado o acordo de convenio colectivo que pon fin á folga na recollida do lixo de Carballo
Carballo -
A última hora da mañá deste venres procedíase a sinatura do acordo para o convenio colectivo da UTE Carballo. A ratificación do documento, que supón unha mellora substancial das condicións económicas e sociais do persoal, supón tamén o remate do conflito no servizo de recollida do lixo, a limpeza viaria e a canceira do Concello de Carballo e a desconvocatoria da folga indefinida iniciada o pasado domingo.
Chegar a este proposta só foi posíbel grazas á loita desenvolvida polos traballadores e as traballadoras do servizo que, de maneira decidida, apostaron pola folga e a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e salariais fronte ás raquíticas ofertas presentadas pola empresa.
O responsábel da CIG de Carballo, Martín Caamaño, valora que, froito desta dura loita se acadaron as principais reivindicacións sociais, conseguíndose neste convenio un avance substancial tanto a nivel salarial como social. Así, destaca que por primeira vez se estabelecen días de asuntos propios; se aumentan as vacacións un día máis; se crean permisos novos con reserva de posto; e se incorporan complementos nas situacións de incapacidade temporal, tanto nas continxencias profesionais como nas comúns.
Esta era unha das reivindicacións básicas do persoal, pois este é un sector que soporta unha especial penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e está sometido a un altos índices de toxicidade. Tamén se conseguiu rebaixar a duración da vixencia a tres anos fronte aos cinco que pretendía a empresa.
En materia económica dáse un salto cuantitativo nas táboas ao pactárense incrementos salariais anuais medios por enriba do 5%, e cobraranse os atrasos dende xaneiro deste ano. Ademais, recóllese unha cláusula que garante o mantemento do poder adquisitivo dos salarios durante a vixencia do convenio.
Xunto a isto procederase a incrementar o pago dos festivos traballados e, por primeira vez crearase un novo seguro en caso de morte, accidente e enfermidade profesional.
Caamaño reitera a determinación dos traballadores e das traballadoras a loitar e organizarse na defensa dos seus dereitos. "Sen esta loita, sen a folga, seguiríamos tendo enriba da mesa a mesma proposta de miseria coa que a empresa quería liquidar a negociación. Foron necesarias máis de 30 xornadas de folga, pero por fin temos un acordo digno para o persoal", asevera.