“Bispado, non mires para outro lado!”
A CIG reclama cunha nova protesta o cese do acoso laboral e dos despidos no asilo do Carballiño
O Carballiño -
A federación de Servizos da CIG desenvolveu onte unha nova protesta diante da sede do Bispado de Ourense para reclamar o cese do acoso laboral e os despedimentos no asilo que xestiona a Fundación Hermanos Prieto no Carballiño. Dende a central sindical esixen a readmisión das afectadas e o cese da política represiva por parte da da nova xerencia do centro contra as empregadas máis antigas.
Ao berro de “Bispado, non mires para outro lado”a CIG responsabiliza a institución relixiosa do que está a acontecer, como máximo responsábel do padroado da Fundación, e ao Concello do Carballiño por permitir esta situación “e abrir así o camiño ao despido das traballadoras con maior antigüidade, contribuíndo a transformar o vello asilo nunha empresa que só busca o beneficio económico”.
Denuncian que a nova xerencia do asilo está a levar a cabo unha política “implacábel” de acoso e de represalia cara as traballadoras máis antigas, chegando a despedir a varias delas polo feito de reclamar os seus dereitos. “Acusamos a dirección de menosprezos e coaccións ás empregadas, e reclamámoslle que cese nesta práctica e que non ameace, nin coaccione, nin despida polo feito de defender os dereitos”.
Unha traballadora do asilo tomou a palabra ao remate da mobilización para denunciar que o persoal que leva 20, 30 e até 40 anos na empresa vese na na obriga de alzar a voz porque “en pleno século XXI os menosprezos e as coaccións ás persoas traballadoras deberan de estar abolidos”, ao tempo que esixiu respecto por enriba de calquera interese económico.
“Reivindicamos que se nos trate con respecto nos nosos postos de traballo, que nos se nos ameace nin se nos despida por defender os nosos dereitos laborais”, rematou. Como consecuencia da actitude da xerencia na actualidade hai xa máis de seis traballadoras que se atopan de baixa por incapacidade temporal, con cadros severos de ansiedade polo trato que reciben a diario.