Carril chama a acumular forzas cara ao 1º de Maio ante a ofensiva ultraneoliberal e belicista
A CIG celebrou asembleas de delegados/as e protestas en nove localidades no marco da campaña ‘Stop precariedade. Traballo digno’
Nacional -
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou hoxe a intensificar a acumulación de forzas cara a celebración do próximo Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, nun contexto de ofensiva ultraneoliberal e belicista caracterizado pola institucionalización da pobreza laboral, a guerra prolongada na Ucraína e o xenocidio contra o pobo palestino. A central sindical celebrou asembleas de delegados/as e mobilizacións en nove localidades do país no marco da campaña que está a desenvolver dende comezos de ano baixo o lema ‘Stop precariedade. Traballo digno’.
Durante a súa intervención na asemblea de Vigo o máximo responsábel da CIG alertou sobre o constante aumento da precariedade e baixos salarios pola “combinación perversa” da reforma laboral de hai dous anos -que estende a pobreza laboral e o abuso da contratación a tempo parcial e fixa descontinua- e da actual carestía da vida. Até o punto de que máis do 50% das familias e o 26% das persoas traballadoras están en situación ou risco de pobreza.
Unha reforma que supuxo a xeneralización da contratación a tempo parcial e a fixa-descontinua, que substituíu os contratos temporais e que medrou, desde 2021, nun 125,1%, cun incremento en 4,1 puntos das persoas asalariadas con xornada parcial ou fixa descontinua na contratación indefinida. Ademais, malia aumentar nun 20,7% os despedimentos, as indemnizacións percibidas baixaron unha media do 34,9%. Cifras que confirman que con esta reforma laboral “avanza o despedimento libre a gratuíto” porque a patronal dispón de máis mecanismos legais para empeorar as condicións laborais e salariais da clase traballadora.
O que na práctica que se traduce na instauración, por lei, da inestabilidade laboral, o que está a provocar a institucionalización da pobreza laboral, “polo que hoxe ter traballo xa non garante os ingresos necesarios para vivir dignamente e poder acceder a dereitos básicos como alimentación e vivenda. Unha situación que é mesmo peor para a mocidade e as mulleres, que foron convertidas en man de obra barata. Por iso a campaña que está a desenvolver a CIG esixe tamén unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega.
Imposición de políticas antiobreiras
Carril fixo fincapé tamén en que como esixencia polo cumprimento do plan de axuste para acceder aos fondos europeos estanse a poñer enriba da mesa medidas que van significar recortes no sistema público de pensións e no acceso á xubilación parcial. Neste senso, censurou que na mesa de diálogo social -“que só serve para enterrar dereitos”- todo é “oscurantismo e falta de información” arredor do debate sobre a necesidade de instaurar coeficientes redutores da idade de xubilación en determinadas profesións. Ao tempo que advertiu dos actuais intentos de “privatizar a saúde” coa derivación ás mutuas da atención a continxencias comúns do mundo do traballo.
“E todo nun contexto no que vén de tomar posesión un novo Goberno galego, fronte ao que xa adiantabamos que a necesidade de mobilizarnos e de loitar para impedir que a maioría absoluta do PP se converta nunha apisonadora de dereitos e de imposición de políticas antiobreiras, antisociais, antigalegas, de recorte de servizos públicos; unhas políticas que non sirvan para dignificar as condicións de vida nin se traduzan dun desenvolvemento económico que garanta a xeración de industria e de emprego de calidade”.
Finalmente, denunciou a actual “apoloxía do belicismo e da guerra·e lamentou que non se estea a facer nada para parar o “xenocidio e o holocausto” que padece o pobo palestino a mans de Israel e dos seus aliados occidentais “nin a guerra permanente que se vive en Europa”. Neste senso, criticou que o Goberno español veña de aprobar un gasto de máis de 1200 millóns de euros para incrementar a súa reserva armamentística, “algo que vai en favor do belicismo, da OTAN e da imposición dunhas relacións internacionais inxustas sobre a base da guerra e da subordinación dos pobos e das nacións”.
Unha vez rematada a asemblea os máis de 300 delegados/as sindicais participantes saíron en manifestación até a delegación da Xunta. Nas outras seis cidades galegas, ademais de en Vilagarcía e Viveiro, tamén tiveron lugar mobilización ao remate das asembleas.
Novas relacionadas