Concentración no centro hípico Casas Novas contra o traslado arbitrario do persoal de seguridade
Arteixo -
A sección sindical da CIG en Prosegur realizou este domingo unha mobilización ás portas do Centro Hípico Casas Novas (propiedade de Amancio Ortega) para reclamar que se manteña no seu posto de traballo a un compañeiro que leva máis de 20 anos prestando servizos de seguridade privada nestas instalacións.
Durante a protesta, desenvolveuse unha concentración na estrada do centro hípico e despregáronse varias faixas nos muros exteriores das instalacións denunciando a decisión arbitraria de trasladar o persoal, pedindo a reincorporación ao seu posto do traballador afectado e reclamando que se respecten os dereitos laborais.
Un traslado por "capricho"
A representación da CIG denuncia que a nova directora do centro hípico, por un "capricho persoal seu", pediulle ao xefe de seguridade de Inditex e á persoa encargada da conta de Prosegur que se cambiara aos cinco vixilantes que até agora se encargaban da seguridade, e que levaban neste servizo entre 18 e 24 anos.
Tras as xestións sindicais e as dificultades de Prosegur para mover cinco traballadores doutros centros e reubicar os actuais vixilantes noutras instalacións, a empresa decidiu trasladar só ao xefe de equipo a un novo destino, malia que isto lle suporía unha modificación substancial nas súas condicións laborais.
A sección sindical da CIG explica que tentaron negociar un acordo coa empresa para garantir as condicións do compañeiro afectado, pero no último momento Prosegur rachou as conversas ofertando unha recolocación en condicións prexudiciais para o traballador.
Esta modificación vai ser recorrido en vía xudicial e para dar visibilidade ao conflito, a sección sindical acordou convocar a concentración deste domingo para reclamar que se manteña ao compañeiro no seu posto e reivindicar que "non somos móbeis, somos traballadores que exercen o seu labor con profesionalidade".
A este respecto, apuntan tamén á responsabilidade de Inditex que consinte que "por capricho dunha persoa e cando non existe ningunha razón obxectiva, se vulneren os dereitos laborais e se pretenda cambiar a todos os traballadores do servizo de seguridade, despois de 24 anos sen rexistrar nin unha soa queixa, apercibimento ou amoestación polo desempeño do servizo".