Asinado o convenio colectivo de Estrella Galicia que recupera e mellora salarios e avanza na conciliación
A sección sindical da CIG subliña a importancia deste proceso, no que houbo unha negociación real e non unha simple imposición unilateral da empresa
A Coruña -
A representación da CIG en Estrella Galicia valora moi positivamente o convenio colectivo asinado no día de onte coa empresa, xa que permite recuperar o poder adquisitivo perdido, avanza nas condicións económicas e incorporar no articulado o acordo acadado coa empresa en 2023 para mellorar a conciliación e os descansos, blindando así estes dereitos. A CIG (que ten a maioría da representación tanto no complexo industrial da Grela como na planta de Morás) subliña a importancia deste proceso negociador no que, por primeira vez, se conseguir rachar coa vía da unilateralidade que até agora practicaba a empresa nas súas relacións laborais.
Este convenio, ademais, está avalado pola práctica totalidade dos cadros de persoal: na asemblea celebrada na fábrica de Morás, o preacordo foi aprobado por unanimidade, mentes que na fábrica da Grela recibiu o respaldo do 91,17% das persoas traballadoras.
En canto os principais aspectos a destacar, a CIG salienta a recuperación do 8% do poder adquisitivo perdido nos últimos anos a causa da sinatura do anterior convenio por parte de CCOO, ratificado de costas ao persoal e con manobras, cando menos, pouco transparentes. Ademais, conséguese un incremento salarial para o ano 2025 do 5,37%, e do 4,5% máis IPC para os anos 2026 e 2027, pendente de acadar o 8% de capacidade adquisitiva neste tres exercicios. En total, chegaríase a un 17% de suba salarial durante a vixencia do convenio.
Xunto a esta substancial mellora económica, lógrase que o acordo asinado coa empresa en materia de calendario anual, sistema de preavisos, distribución das vacacións, a posibilidade de cambiar de grupo de traballo, preavisos de traballo que pasarán a cubrirse con persoal voluntario en vez de obrigatorio e gozar de vacacións no verán polo menos en anos alternos, se incorpore ao articulado do convenio colectivo, adquirindo deste xeito rango de norma e carácter de obrigado cumprimento por parte da compañía.
A representación fai CIG valora moi positivamente todo os avances conseguidos en materia de salarios e conciliación e salienta o abandono da unilateralidade practicada por Estrella Galicia até o momento para impor as quendas de traballo ou os períodos de vacacións, imposibilitando en moitas ocasións que o persoal puidera atender as súas obrigas familiares.
Neste sentido, a sección sindical da CIG destaca que alcanzar este acordo de convenio foi posíbel grazas ao apoio e á unidade de todos os traballadores e as traballadoras que entenderon que a unión e a disposición a loitar é o camiño para conseguir avances nos dereitos e mellorar as condicións de traballo.

