A CIG convoca unha mobilización no Porriño o 29 de xullo para exixir seguridade real no SAF

A protesta, que estará precedida dunha asemblea nacional do sector para avaliar o novo protocolo, realízase coincidindo co 1º aniversario do asasinato da compañeira Teresa

Nacional -

A CIG denunciou publicamente a absoluta falta de vontade política e a irresponsabilidade da Xunta de Galiza e, en particular, da Consellaría de Política Social, pola súa negativa a asinar os documentos e a adquirir os compromisos acadados por todas as entidades na mesa de negociación do Protocolo para a Prevención e Actuación ante Situacións de Violencia Laboral Externa no Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Esta postura deixou en evidencia a nula preocupación e a total falta de consideración do Executivo galego coa seguridade e, en xeral cos dereitos, do persoal dun sector con un alto risco de violencia. A non sinatura deste documento deixou, ademais, moi comprometidos o cumprimento dos acordos e as condicións do sector.

Así o avaliaron esta mañá en rolda de prensa o secretario de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, e a responsábel de Muller da CIG de Vigo, Ester Mariño, quen anunciaron a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro mércores 29 de xullo no Porriño, coincidindo co primeiro cabodano da compañeira Teresa González, asasinada mentres realizaba un servizo.

A mobilización sairá ás 11:30 horas do Centro Cívico e rematará diante do Concello do Porriño para denunciar a falta de compromiso e a hipocrisía do Goberno galego, e máis nomeadamente da conselleira Fabiola García e do presidente Alfonso Rueda. Previa a esta mobilización, terá lugar unha asemblea das delegadas da CIG do sector para avaliar a situación actual.

Once meses de  traballo para acadar o protocolo

Tras once meses de intenso traballo na mesa de negociación da FEGAMP, o protocolo saíu adiante grazas ao impulso directo e ao liderado da CIG. “Foi a propia central sindical a que esixiu e deseñou un documento de compromiso adxunto para evitar que o protocolo fose un simple "papel mollado", garantindo a obriga de dotar de recursos económicos, promover cambios normativos e asegurar unha aplicación efectiva nas rúas e nos fogares”, apuntou Ester Mariño, quen incidiu na necesidade de mudar a estrutura dos servizos de coidados e que deixen de estar privatizados.

Porén, a pesar do consenso acadado entre sindicatos, a FEGAMP, a Delegación do Goberno, colectivos profesionais e patronais, a Consellaría de Política Social rexeitou asinar tanto o protocolo como o documento de compromisos. Pola súa parte, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISSGA) limitouse a ratificar o texto sen asumir a responsabilidade técnica e orzamentaria necesaria para o seu desenvolvemento.

Para a CIG resultou "incomprensíbel e profundamente dolorosa" a postura do Goberno galego, especialmente cando este protocolo nace precisamente como resposta ao tráxico asasinato da compañeira Teresa, traballadora do SAF no Porriño. Lembraron, así mesmo, que hai case un ano o presidente Rueda se comprometera a aplicar melloras no sector e garantías de protección.

Na comparecencia, Pérez e Mariño denunciaron “a indolencia e ineficacia” das administracións e da empresa,que fallaron na protección dunha profesional exposta a situacións de grave risco sen as medidas de seguridade nin a prevención axeitadas”. O asasinato de Teresa puxo de manifesto as consecuencias reais dun sistema que abandona as traballadoras dos coidados á súa sorte, mentres a Xunta perpetúa un modelo baseado na precarización, a insuficiencia de recursos e a externalización do servizo.

"Sen recursos, sen cambios normativos e sen unha implicación real da administración autonómica, existe un serio risco de que o protocolo quede reducido a unha simple declaración de intencións", advirtiu Pedro Pérez. "Non valen as fotos e as promesas institucionais; as traballadoras do SAF teñen dereito a desempeñar o seu traballo con garantías, con dereitos e a regresar vivas e sas ás súas casas ao remate de cada xornada", aseverou.

Esixencias da CIG

Ante esta situación de desprotección, a CIG anunciou que continuará coas súas mobilizacións e esixencias para:

  1. Rectificación inmediata da Xunta de Galiza e da Consellaría de Política Social, asumindo e asinando o documento de compromisos con dotación orzamentaria real.
  2. Implicación directa do ISSGA no seguimento e avaliación dos riscos específicos do SAF.
  3. Desbloqueo e negociación do Convenio Colectivo, caducado desde 2012, para incorporar melloras salariais, sociais e regulacións vinculantes en materia de saúde e seguridade laboral.
  4. Que de doten os recursos necesarios para a posta en marcha do protocolo asinado, así como o compromiso das administracións locais a incluílo nos pregos de condicións se a prestación está privatizada, e a respectar e aplicar na prestación directa.

A CIG reafirmou o seu compromiso na defensa da dignidade e da vida das traballadoras do SAF e non se deterá até garantir que ningunha outra profesional teña que xogar a vida por exercer o seu traballo. Por este motivo, considera que é precisa a creación dun Sistema Público Galego de Atención as Persoas, asumindo a Xunta de Galiza a xestión directa deste.

Volver