A CIG- Correos alerta do colapso do servizo postal en Vigo un verán máis pola falta de contratacións
Advirte que a política de recortes e a non substitución de vacacións deixa as unidades de reparto e as oficinas de atención baixo mínimos
Vigo -
A sección sindical da CIG-Correos en Vigo volve denunciar a situación límite que atravesa o servizo postal en toda a zona sur da provincia de Pontevedra durante a actual campaña estival. Un verán máis, a mala planificación da empresa pública e a negativa a realizar contratacións suficientes “está a provocar a acumulación de miles de envíos sen repartir e demoras estruturais na correspondencia”.
Critican que a dirección de Correos volve priorizar o aforro económico por riba do servizo á cidadanía e malia que neste período gran parte do cadro de persoal se atopa de vacacións, “a empresa só cubre de forma ridícula arredor dunha terceira parte das ausencias, unha porcentaxe totalmente insuficiente para manter a normalidade no servizo”.
Esta falta de efectivos esténdese a toda a comarca de Vigo e á zona sur da provincia, afectando gravemente tanto ás unidades de reparto como á atención nas propias oficinas, onde as persoas usuarias sofren longas colas e tempos de espera intolerábeis.
Sobrecarga laboral e prexuízo para a veciñanza
Para a CIG-Correos, esta redución drástica do cadro de persoal non responde a unha falla de persoas candidatas, senón “a unha total falta de vontade de contratar por parte da dirección, xa que existen bolsas de emprego con persoal formado e dispoñíbel”. Como consecuencia directa, os traballadores e traballadoras que quedan en activo están a sufrir unha sobrecarga de traballo inasumíbel, o que prexudica a súa saúde.
Esta precarización tamén ten un impacto directo na veciñanza, que padece atrasos importantes na recepción de documentación ordinaria, paquetería e, o que é máis grave, notificacións administrativas ou citas médicas.
Exixencia de solucións inmediatas
Por todo isto, a CIG- Correos esíxelle á dirección da empresa pública que rectifique de maneira urxente a súa planificación e proceda á contratación necesaria para cubrir todas as ausencias por vacacións e as baixas pendentes. O sindicato lembra que se trata dun servizo postal público que debe garantir os dereitos da cidadanía e esixe condicións de traballo dignas para todo o persoal.

