CIG-Saúde demanda uns orzamentos para recuperar a Atención Primaria e ofrecer condicións laborais dignas

Rexeita o cambio de modelo da Consellaría para que o persoal realice a xornada ordinaria nos centros de saúde e gardas obrigatorias nos PAC

Nacional -

Delegadas e delegados da CIG-Saúde concentráronse na mañá deste mércores diante da Consellaría de Sanidade para denunciar o continuísmo dos orzamentos da Xunta para o ano 2026, que non achegan solucións reais para reverter o desmantelamento do sistema sanitario público, nomeadamente a Atención Primaria, e garantir unhas condicións laborais dignas.

Manuel G. Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde, criticou que a Consellaría convocou a Mesa Sectorial cando os orzamentos xa estaban pechados e presentou unha serie de medidas, sen negociación previa, entre as que se inclúe un cambio de modelo da Atención Primaria para converter todas as prazas de medicina de familia de nova creación, vacantes e ocupadas por persoal temporal, en prazas de Facultativo Especialista de Atención Primaria (FEAP).

Con este novo modelo, rexeitou, Sanidade afonda no desmantelamento da Atención Primaria e na precarización laboral, ao pretender que o pouco persoal que hai traballe aínda máis, dificultando a incorporación de novas persoas á sanidade pública. “A CIG leva anos reclamando un plan de ordenación dos recursos humanos, pero o que nos atopamos nestes orzamentos é que non se contempla ningunha medida para mellorar as condicións de traballo da Atención Primaria, que é unha peza fundamental da sanidade pública”.

Precarización laboral e perda de calidade asistencial

O secretario nacional da CIG-Saúde advertiu que a creación da categoría de FEAP supón unha ruptura co modelo tradicional da Atención Primaria galega, no que existía unha única categoría de medicina de familia, con prestación en atención ordinaria, nos Centros de Saúde ou nos Puntos de Atención Continuada  (PAC).

A introdución da categoría de FEAP representa un retroceso, ao volver a un sistema baseado na realización de xornada ordinaria nos centros de saúde máis gardas obrigatorias nos PAC, que deteriora a calidade asistencial e empeora as condicións laborais das e dos profesionais.

“Levamos catro anos coa categoría de FEAP e non serviu para solucionar o déficit de profesionais. Polo tanto, non hai razón ningunha para perpetuar un modelo que xa se demostrou que non funciona”, subliñou Moreira. Acusou o SERGAS de empregar o argumento do déficit de profesionais como escusa para consolidar un sistema que precariza o traballo e degrada a atención á cidadanía; e reiterou a necesidade de mellorar as condicións laborais para facer atractivo traballar no noso sistema público de saúde e poder incorporar persoal novo.

Aclarou que a intención da Consellería de Sanidade coa ampliación, sen negociación, do horario dos PAC aos sábados pola mañá, é que a atención nos PAC se realice por profesionais obrigados a facer máis xornada que a xornada ordinaria de 35 horas semanais. Con isto, os PAC deixarán de ser dispositivos con persoal habituado a atender urxencias e emerxencias e pasarán a ser dispositivos onde profesionais que fan atención nos centros de saúde fagan esa atención a urxencia e a emerxencia de xeito ocasional e máis alá da súa xornada ordinaria.

Pero ademais, Moreira alertou que este modelo provoca que “quen fai a garda no PAC libre ao día seguinte, reducindo o persoal en atención ordinaria co conseguinte incremento das listas de agarda”.

Reiterou o compromiso do sindicato coa defensa do modelo galego de Atención Primaria, “un modelo integral e de proximidade que garante unha atención de calidade e estabilidade para o persoal da sanidade pública”. “Desde CIG-Saúde non imos permitir este cambio de modelo. Imos seguir loitando pola Atención Primaria que funciona e que defende os dereitos tanto das persoas usuarias como do persoal da sanidade pública”, concluíu.

Volver