CIG-Saúde valora positivamente o seguimento da folga xeral no Sergas
Mantén a concentración diante da consellaría en San Lázaro para este venres día 3, ás 11:00 h
Nacional -
A CIG-Saúde vén de valorar positivamente tanto o seguimento da folga xeral convocada no Sergas para hoxe e mañá venres como as mostras de apoio recibidas das traballadoras e traballadores da sanidade pública galega.
O persoal do Sergas súmase ao rexeitamento da posición da consellaría de Sanidade, que se negou a establecer un calendario de recuperación dos acordos retributivos suspendidos desde o ano 2010 tal e como se lle viña demandando e nin sequera foi quen de comprometerse a fixar a dotación orzamentaria necesaria para garantir que en 2019 comezan a se retribuír os graos da carreira profesional para todo o persoal, fixo e temporal.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2017/11/02/Folga%20sanidade/17-11-02%20FolgaSergasPontevedra06.jpeg)
María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denuncia en todo caso o intento das Xerencias de boicotear á folga na súa primeira xornada mobilizando persoal de servizos mínimos para ocupar postos de persoas que a están secundando. “Nalgún caso a información que recibimos foi que diante da participación na folga de enfermeiras e enfermeiros de quirófano, outro persoal asumiu o seu traballo como instrumentistas”.
Abuín demanda da administración un “escrupuloso respecto ao dereito á folga das traballadoras e traballadores do Sergas” e advirte que “está en mans da consellaría de Sanidade recoñecer os dereitos laborais e retributivos do persoal do Servizo Galego de Saúde para rematar así con este conflito”.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2017/11/02/Folga%20sanidade/17-11-02-FolgaSanidade-ConcentracionCHUAC-02.jpg)
Lembra ademais que as organizacións sindicais asinaron acordos coa administración que “non poden depender das decisións unilaterais que adopte en cada momento o partido que sustenta o goberno”. Xunto a isto advirte que “se a esta administración non lle satisfán estes acordos, o que ten que facer é pór enriba da mesa outros, non limitarse a suspendelos deixando ás traballadoras e traballadores do Sergas nas peores condicións salariais do Estado español”.
A CIG-Saúde fai un chamamento a participar na concentración convocada para mañá venres, día 3, ás 11:00 horas diante da consellaría de Sanidade en San Lázaro. Unha mobilización que coincide coa segunda xornada de folga.