CIG-Servizos mobilízase nun Gadis de Ferrol pola excesiva carga de traballo e o trato abusivo
Ferrol -
A CIG-Servizos realizou este venres unha concentración diante do Gadis da Praza de Ultramar (Ferrol) para denunciar a continua falta de persoal e o trato abusivo que padecen as traballadores e traballadores en moitas das tendas desta empresa. A mobilización insírese na campaña de accións de protesta da CIG contra esta política de relacións laborais e para exixirlle a Gadis "que respecte a lei, non nos trate como escravas e garanta un ambiente de traballo saudábel".
Ante a falta de resposta por parte da empresa ás demandas da sección sindical, a CIG-Servizos continúa coas mobilizacións para facer ver á clientela todo o que hai detrás de traballar nunha empresa como esta que presume de galeguismo para aumentar a súa facturación, pero que non repara en abusar indiscriminadamente do persoal.
Denuncian que a falta de persoal, tanto en seccións (carnicería, peixería, froitería, chacinaría) como en tenda, é un problema xeneralizado que afecta á saúde das traballadoras e traballadoras, que teñen que asumir unha sobrecarga laboral continua, mais tamén á propia organización do traballo.
"Non temos conciliación familiar porque nos obrigan a cambiar de quendas sen previo aviso. E ás persoas con xornadas parciais, obríganas a facer xornadas completas sen pagarllas como horas extraordinarias e violando a lexislación", advirten. Ademais, cando alguén enferma e cae de baixa por culpa do exceso de traballo "ou polos abusos da persoa encargada da tenda", a empresa acosa o persoal telefonicamente para que se reincorpore canto antes, "dicindo que tes moito conto".
A sección sindical da CIG critica a hipocrisía de Gadis, que gasta enormes cantidades de cartos en emotivos anuncios, "pero consinte que as persoas responsábeis dos centros, como este no que hoxe estamos, lle berren as persoas traballadoras, lles falten ao respecto e as sometan a ameazas constantes con facerlle a vida imposíbel".
Diante destes abusos, as traballadoras organizadas na CIG seguirán a mobilizarse porque "estamos fartas de non poder realizar o noso traballo nun ambiente saudábel, de que non nos respecten, de que algunhas persoas que nos dirixen non estean capacitadas para facelo, e sobre todo, fartas de que só pensar en vir traballar nos provoque ansiedade".