Cociña Económica de Ferrol: o persoal ten que pagar o seu descanso
CIG-Servizos cuestiona a decisión da entidade de reducir a xornada laboral en resposta á resolución da Inspección polos incumprimentos dos descansos
Ferrol -
A CIG-Servizos de Ferrol quere manifestar o seu máis fondo rexeitamento ás declaracións feitas nos medios de comunicación polo presidente da institución benéfica “Cociña Económica Ferrol”, defendendo a imposición da redución da xornada laboral a todo o persoal, baixo a escusa da resolución da Inspección de Traballo que obriga a entidade a respectar a legalidade vixente en materia de descansos, impedindo solapar o descanso semanal co diario
Para o secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle, esta actuación “de todo punto sorprendente” é “moi discutíbel dende o punto de vista legal”. A falta de descanso entre xornadas non é o único incumprimento que detectou a Inspección neste centro de traballo, “resultando que había máis ilícitos non publicitados polo presidente da entidade”.
A empresa, apunta Cartelle, viña practicando un sistema de quendas de traballo que provocaba que en determinados momentos se incumprisen as doce horas mínimas de descanso diario, abocando o persoal a ter que traballar sen ter descansado o suficiente. Ademais a Inspección tamén obriga a empresa a poñer a disposición das persoas traballadoras os rexistros da xornada dos últimos catro anos, tal e como marca a lei, tras unha serie de negativas expresas e reiteradas por parte da dirección a dar acceso a ditos rexistros.
Toda esta situación sostida durante anos, “sumado a unha xunta directiva despótica que negou por moitas veces reunirse co persoal para tratar de acadar unha solución satisfactoria e negociada para todas as partes”, provocou que o persoal, “farto de ver como se vulneraban os seus dereitos sistematicamente” e de que se puxeran continuamente as persoas usuarias como escusa para non respectarse os dereitos laborais, “decidiu actuar”.
A este respecto, Cartelle subliña que a prioridade de toda organización benéfica “debería ser coidar do persoal que dá o servizo antes de comezar a repartir beneficencia ao exterior, porque só así se pode garantir un servizo digno e de calidade”.