Como pode intervir hoxe a ONU para deter o xenocidio en Palestina?

Marc Vandepitte -

O xenocidio en Gaza continúa sen atrancos desde hai xa dous anos. Con todo, a ONU dispón dun mecanismo para eludir o veto estadounidense e protexer a poboación palestina, se a comunidade internacional finalmente se atreve a intervir

Unha realidade sen saída

 Despois de vinte e dous meses de violencia ininterrompida o balance é esmagantemente claro: Israel non deterá en por si o xenocidio en Palestina. Os Estados Unidos, que desde hai décadas son o aliado máis fiel de Israel, seguen firmemente detrás de Tel Aviv.

 Países europeos como Alemaña e Gran Bretaña, e mesmo varios réximes árabes da rexión, dan tamén carta branca a Israel. A súa impunidade é total e o apoio político de Occidente semella interminábel.

 Isto significa que o xenocidio e o apartheid só poden terminar mediante a resistencia sostida da poboación palestina, a solidariedade internacional e o crecente illamento e enfraquecemento do réxime israelí.

 Lembra a loita contra o apartheid en Suráfrica: unha longa marcha que non se gañou con negociacións amábeis, senón cunha coalición mundial de presión, sancións e resistencia.

Que se pode facer hoxe mesmo?

 Quen analiza a situación comprende que a loita contra o xenocidio é de longo alento. Porén, hoxe existen xa medios que se poden aplicar de inmediato.

 A cidadanía de todo o mundo pode seguir exercendo presión mediante accións de boicot, exixindo que gobernos e institucións desinvistan en empresas que se benefician da ocupación e a guerra, e saíndo á rúa con manifestacións masivas e desobediencia civil.

 Tamén os procesos xudiciais son un instrumento poderoso: os Estados teñen a obriga de iniciar persecucións contra quen sexa culpábel de xenocidio e crimes de guerra, mesmo cando estes ocorran lonxe do seu territorio.

 Pero hai máis. A comunidade internacional tamén pode exixir protección directa para a poboación palestina. O dereito internacional mesmo estabelece que os Estados non poden quedar de brazos cruzados ante un xenocidio, senón que están obrigados a intervir. É vergoñento que a maioría dos Estados ignoren esta obriga.

«Uniting for Peace»: un mecanismo esquecido

 Poucos o saben, pero a ONU dispón desde 1950 dun instrumento particular destinado precisamente a este tipo de situacións.

 O Consello de Seguridade da ONU conta con 15 membros, dos cales 5 son permanentes (EUA, Rusia, China, Francia e Reino Unido) e cada un ten dereito de veto: cun só «non» dun deles abonda para bloquear unha resolución. A Asemblea Xeral, en cambio, inclúe os 193 Estados membros e decide por maioría simple ou de dous terzos.

 Durante a Guerra Fría adoptouse a chamada resolución ‘Uniting for Peace’ 377(V), a cal estabelece que, cando o Consello de Seguridade queda paralizado polo veto dun membro permanente, a Asemblea Xeral está facultada para actuar.

 Esa resolución foi promovida por Estados occidentais para evitar ou neutralizar o veto da Unión Soviética. Por esa razón considerouse posíbel substituír o Consello de Seguridade en practicamente calquera situación que requirise medidas para manter ou restabelecer a paz e a seguridade internacionais.

 En teoría –e na práctica– a Asemblea Xeral pode decidir enviar unha forza de protección a Palestina. Unha misión da ONU podería protexer a civís dos ataques israelís, abrir corredores seguros para a axuda humanitaria, reunir probas de crimes de guerra e axudar na reconstrución.

 Existe un precedente: en 1956 enviouse a primeira forza de paz da ONU ao Sinaí, a pesar da oposición de Gran Bretaña, Francia e Israel.

 O mecanismo está listo, pero apenas se utiliza. No entanto, pode marcar a diferenza, xa que elude por completo o veto dos EUA, que bloquea toda medida útil no Consello de Seguridade.

Falsas solucións

 Entrementres, circulan varias propostas que levan a etiqueta de ‘intervención’, pero que en realidade non están destinadas a protexer a poboación palestina.

 Algúns propoñen un grupo reducido de observadores internacionais que só rexistren o que ocorre. Iso pode ser útil para informes, pero nunca tivo un efecto disuasorio fronte á violencia israelí.

 Outros, como Francia e Arabia Saudita, queren enviar unha chamada «forza de estabilización». Con todo, os detalles deses plans revelan que se trataría sobre todo de controlar a resistencia palestina e volver á situación anterior a outubro de 2023: un statu quo no que a poboación palestina queda encerrada e é exterminada lentamente.

 Aínda máis grotescos son os plans de Donald Trump, que avogou abertamente por unha ocupación estadounidense de Gaza, ou as propostas do propio Israel de despregar a aliados árabes como forza de ocupación. Tales escenarios reforzan o apartheid e o xenocidio, no canto de lles poñer fin.

Un Consello de Seguridade errado

 En teoría, o Consello de Seguridade ten a facultade de impoñer intervencións armadas en virtude do Capítulo VII da Carta da ONU. Pero todos saben que mentres Estados Unidos exerza o seu veto é letra morta.

 Isto significa que só hai dúas solucións posíbeis: ou ben unha resolución redactada totalmente a favor de Israel, ou ben un veto que faga imposíbel calquera protección efectiva. Por tanto, quen crea que a salvación debe vir do Consello de Seguridade, erra. O camiño cara á xustiza e a fin do xenocidio non pasa polo Consello de Seguridade, senón eludíndoo.

O que pode facer a Asemblea Xeral

 A Asemblea Xeral si dispón de poder real. Cunha maioría de dous terzos pode demandar dos Estados a imposición de sancións e un embargo de armas contra Israel. Pode decidir excluír a Israel do acceso á ONU, tal como ocorreu no seu momento con Suráfrica.

 Pode apoiar a creación dun tribunal para xulgar os dirixentes israelís por crimes de guerra, crimes de lesa humanidade, apartheid e xenocidio. Pode reactivar antigos mecanismos da ONU contra o apartheid. E, sobre todo: pode decidir enviar unha forza armada de protección a Gaza e a Cisxordania, a invitación do Estado palestino.

 Segundo recentes declaracións da Corte Internacional de Xustiza, Israel non ten ningunha soberanía neses territorios. Por tanto, o país non ten ningún dereito legal a impedir tal misión.

Como funciona iso na práctica?

 O procedemento non é complicado. Primeiro, un veto bloquea unha proposta no Consello de Seguridade. Despois, un Estado membro pode solicitar a continuación dunha sesión extraordinaria da Asemblea Xeral. Alí elabórase unha resolución, en consulta con Palestina, e posteriormente apróbase con maioría de dous terzos. A continuación, o Secretario Xeral recibe a encomenda de buscar países dispostos a achegar tropas. Entón pódese conformar e despregar a misión.

 Non hai atrancos xurídicos. A dificultade é puramente política: os Estados Unidos farán todo o posíbel por presionar, chantaxear ou comprar os Estados para que non se alcance a maioría requirida. Pero esa maioría é alcanzábel, como o demostran votacións anteriores sobre Palestina.

Un momento crucial

 O 18 de setembro expira o prazo que a Asemblea Xeral impuxo o ano pasado a Israel para acatar as decisións da Corte Internacional de Xustiza. Esa mesma resolución prometeu «novas medidas» en caso de incumprimento. Ninguén pode afirmar xa que se poida perder máis tempo.

 Entrementres, a traxedia esténdese aínda máis. En Gaza reina a fame negra. Os bombardeos e a ocupación continúan sen cesar. Coa nova ofensiva contra a cidade de Gaza, expúlsase masivamente a poboación cara a un campo de concentración no sur da Franxa, desde onde logo será deportada ao estranxeiro.

 En Cisxordania a violencia dos colonos e as redadas militares alcanzan proporcións cada vez maiores. Axiña comezará a construción de novos asentamentos que farán inviábel e imposíbel un futuro Estado palestino. A situación é catastrófica e o reloxo avanza implacabelmente.

 A historia xulgará con severidade. Quen non actúe agora, convértese en cómplice. A oportunidade de manter a credibilidade na defensa dos dereitos humanos e o dereito internacional está ao alcance da man. Esa oportunidade chámase «Uniting for Peace». O 9 de setembro reúnese a Asemblea Xeral. É agora ou nunca.

_____________________________________________________________________________

Fontes:

How the UN could act today to stop the genocide in Palestine
What’s UN Resolution 377A, can it help in efforts to stop Israel-Gaza war?
A Humanitarian Action by the UN General Assembly in Gaza?

_____________________________________________________________________________

Texto orixinal: De Wereld Morgen

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 29 de agosto de 2025]

Volver