A xustiza condena a Viraxes a readmitir un traballador por vulnerar os seus dereitos fundamentais
A empresa, que xestiona o CD do Castrillón, obrigou o persoal a manifestar a súa afiliación sindical e aplicou un despedimento colectivo encuberto
A Coruña -
O xulgado do Social 6 da Coruña vén de condenar a Viraxes (a empresa que xestiona o centro deportivo do Castrillón) a readmitir un traballador ao que despediu en represalia por negarse a manifestar a súa afiliación sindical. A sentenza declara nulo o despedimento ao entender que a empresa vulnerou os dereitos fundamentais do monitor, concretamente o dereito á liberdade sindical e o dereito a non sufrir discriminación.
O xulgado condena a empresa a readmitir de inmediato o traballador no seu posto, a abonarlle os salarios deixados de percibir e imponlle, ademais, o pago dunha indemnización pola vulneración dos dereitos fundamentais.
Viraxes (que xestiona as instalacións do Castrillón dende a súa apertura, mais sen pasar por un proceso de licitación pública) pretendeu xustificar o despedimento por causas disciplinarias, alegando unha diminución continuada e voluntaria no rendemento. Unha xustificación que a xustiza rexeita, chamando a atención sobre o feito de que nin sequera existiran sancións disciplinarias previas por esas supostas infraccións e que a empresa tampouco as especificara na carta de despedimento.
Ao contrario, a sentenza recolle literalmente que "debe concluírse que o despedimento responde á negativa do traballador a asinar un documento no que se facía manifestación da ausencia da afiliación a un determinado sindicato". Esta actuación constitúe unha evidente vulneración do dereito á liberdade sindical, vinculado ao dereito a non sufrir discriminación.
Represión e persecución ao persoal
Este despedimento hai que enmarcalo na política de represión e persecución iniciada por Viraxes contra o seu persoal tras as denuncias públicas sobre as irregularidades na xestión do centro deportivo. Tal e como denunciara a representación sindical, neste proceso xudicial (levado pola asesoría xurídica da CIG) quedou patente que a empresa estaba obrigando as traballadoras e traballadores a asumir actividades para as que non teñen a titulación e formación necesaria.
Así, declárase probado que o traballador despedido impartiu en xullo e agosto cursos como monitor sen ter titulación, que recibiu ordes para realizar tarefas de mantemento da piscina como poñer as pastillas de bromo, incrementador de ph ou controlar o dosificador na sala de máquinas, malia os riscos que esta actividade comporta.
Por se non fora abondo, o xulgado tamén declara nulo o despedimento porque a empresa non tramitou un ERE (expediente de regulación de emprego colectivo) a pesar de superar con moito o límite de extincións laborais que estabelece a lexislación (10% do cadro de persoal nun período de 90 días). Nos tres meses anteriores ao despedimento figuran 27 extincións de contratos do total de 103 persoas coas que contaba Viraxes no centro municipal.
A CIG-Servizos da Coruña subliña que esta sentenza pon de manifesto os abusos laborais, as irregularidades e os incumprimentos que o persoal leva meses denunciando e por iso insta o Concello da Coruña, como titular das instalacións, a que proceda canto antes a licitar o contrato para garantir o estrito cumprimento da legalidade no relativo ás condicións laborais, ás funcións que poden realizar os e as traballadoras e para que se respecte á liberdade sindical.