Conséguese chegar a un acordo nos centros cívicos de Compostela
A CIG-Servizos valora positivamente os avances acadados
Nacional -
Traballadoras e traballadores dos centros socioculturais aprobaron na noite do mércores día 28 de novembro, en asemblea, o preacordo acadado entre o comité e a empresa concesionaria do servizo, Ferrovial, coa mediación do concello, que pon fin ao conflito.
A CIG-Servizos de Compostela, que é a única central sindical con representación na empresa, fai unha valoración positiva do acordo. Neste sentido Aitor Sebio sinala que con este acordo conseguiuse unha suba salarial inicial e inmediata para as traballadoras/es dun 10%. Ademais os salarios incrementaranse, nos dous vindeiros anos, nun 4%.
Xunto a isto conseguiuse unha redución de xornada, pasando das actuais de 38,5 horas a 35 horas a partir de xaneiro de 2019 e progresivamente.
Acordouse ademais darlle preferencia ao persoal do servizo para a cobertura de vacantes e así poder incrementar a porcentaxe de traballadoras e traballadores con xornadas completas. Unha cuestión que para a CIG-Servizos era esencial porque aínda hai un número excesivo de traballadoras/es con xornadas parciais.
No relativo ás cuestións organizativas conseguiuse o compromiso por parte da empresa de mudar a oficina técnica de asesoramento neste servizo e que se adopten medidas para evitar as presións que até o de agora viña denunciando o persoal.