Consúmase un novo recorte das pensións no diálogo social

O Goberno español recorre, unha vez máis, ao diálogo social para consumar un novo recorte nos dereitos da clase traballadora ao pactar cos sindicatos españois e a patronal estatal unha reforma das pensións que, pola información publicada até agora, dificulta o acceso á xubilación parcial e non resolve as reivindicacións de colectivos laborais que padecen condicións de especial penosidade, perigosidade ou toxicidade.

O secretario xeral, Paulo Carril, denuncia, ademais, que esta modificación que afecta directamente ao dereito a unha xubilación digna, se teña negociado ás escuras no ámbito do diálogo social, sen pasar polos órganos de representación institucional tripartita "e usurpando os dereitos de representación institucional das centrais coa condición de máis representativas, como a CIG".

Á espera de coñecer o contido exacto do acordo, a CIG subliña que todo o que non signifique recuperar a xubilación parcial aos 61 anos en todas as actividades constitúe un prexuízo para os dereitos que a clase traballadora xa tiña recoñecidos e que lle foron roubados nas diferentes reformas das pensións encadeadas dende o ano 2011. Cómpre lembrar que nese ano, o Goberno de Zapatero, co aval de CCOO, UGT e a patronal, executou unha lesiva reforma para atrasar a idade de xubilación aos 67 os anos, incrementar os anos de cotización para o período de cálculo e recortar o dereito á xubilación parcial aos 61 anos.

Do que transcendeu publicamente do acordo asinado hoxe, que prosegue na senda de recortes, para a industria manufactureira, que agora ten recoñecida a xubilación parcial a partir dos 61 anos, amplíase de dous a tres anos a posibilidade de anticipar a xubilación parcial, "mais descoñecemos se a partir dos 61 anos ou atrasándoa até os 62 anos". Para o resto de traballadores e traballadoras o acceso ao retiro parcial fica como xa estaba, pero sen poder adiantala máis de tres anos.

Para Carril "hai un recorte na medida en que as persoas traballadoras non se poden xubilar aos 61 anos, afianzando a xubilación ordinaria aos 67 anos, e continúan exixíndose carreiras de cotizacións moi longas que, nun mercado laboral precarizado como o actual, deixa a moitas persoas fóra deste dereito".

Salienta que se insista na prolongación da vida laboral ao mesmo tempo que se fala da necesidade de rexuvenecer os cadros de persoal e cando o Estado español ten a taxa de desemprego xuvenil máis elevada da UE.

Sen coeficientes para as profesións máis penosas

No relativo á xubilación anticipada por coeficientes redutores, o secretario xeral critica que con esta reforma non se resolven as reivindicacións de moitos colectivos que desenvolven a súa actividade en profesións especialmente perigosas, tóxicas ou penosas, xa que non se lle recoñecen coeficiente redutores, nin se estabelece un procedemento para permitir que se recoñeza con celeridade o acceso a este dereito para novas actividades e profesións.

Fronte a isto, a CIG demanda que a xubilación parcial aos 61 anos sexa un dereito para o conxunto da clase traballadora; a necesidade de retornar á xubilación aos 65 anos e non aos 67; que sexa voluntaria para aquelas persoas traballadoras que a calquera idade teñan acreditado 35 anos de cotización á Seguridade Social; e unha mellora que permita o acceso á xubilación a través de coeficientes redutores a moitas profesións perigosos, tóxicas e penosas como construción, transporte de viaxeiros/as e de mercadorías, sector sanitario e sociosanitario, actividades de coidados, dependencia, servizo de gardacostas, persoal bombeiro e axentes forestais, plantas de tratamento de lixo, etc.

Máis poder para as mutuas

Pero o acordo que se negociou no diálogo social afonda tamén na privatización da sanidade pública ao ampliar os ámbito de actuación das mutuas na xestión da saúde das persoas traballadoras . Desta maneira, o Goberno español asume os acordos atinxidos entre a patronal estatal e os sindicatos CCOO e UGT no V AENC para que sexan estas entidades privadas as que xestionen os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas.

Sen pasar polo Congreso nin por ningún ámbito institucional, o Goberno actúa ao ditado do AENC e avala modificacións nunha materia tan crítica como os coidados da saúde das persoas traballadoras para outorgarlle máis poder as mutuas, cando xa hoxe son un instrumento de abuso enorme a prol dos intereses da patronal. A CIG advirte que esta medida, posta en man do PP na Xunta de Galiza, pode multiplicar os seus efectos negativos como unha nova ferramenta para desmantelar o sistema sanitario público.

Por iso, a CIG reitera a súa oposición frontal a que se amplíen as competencias das mutuas, e  neste camiño xa mantivo reunións co conselleiro de Emprego e coa Consellaría de Sanidade para demandar que a Xunta de Galiza non subscriba convenios de colaboración coas mutuas para cederlle competencias propias do SERGAS.

Volver