Continúan as protestas contra a externalización do servizo de limpeza do Eurostars Gran Hotel La Toja
O cadro de persoal mobilizouse onte diante do establecemento na illa da Toxa
O Grove -
O cadro de persoal do Eurostars Gran Hotel La Toja, establecemento hoteleiro do grupo Hotusa situado na illa da Toxa, no Grove, volveu mobilizarse onte diante das instalacións para rexeitar intención da empresa de externalizar o servizo de limpeza, decisión que afectaría a 9 dos 37 traballadores/as, que pasarían a formar parte da nova subcontrata.
Durante a concentración clamouse contra os plans da empresa e contra a precariedade laboral, nunha convocatoria partiu da representación da CIG (2 delegados/as) e de CCOO (1 delegado/a) no comité de empresa (a UGT conta con 2 representantes, pero non se opón á externalización). Os empregados/as amosaron deste xeito o seu rexeitamento á externalización da limpeza de habitacións, balneario, cociña e zonas comúns que a compañía executou o pasado 9 de maio.
A medida afecta a 9 das 37 persoas que integran o actual cadro de persoal (30 fixas descontinuas e 7 fixas), despois de que nos últimos anos o número de traballadores/as se fora reducindo drasticamente: en 2007 había 280, en 2011 168, en 2015 152 e en 2019 66.
A representación sindical denuncia que se trata dunha represalia por non ter aceptado o expediente de regulación de emprego de redución de xornada presentado pola empresa para o conxunto do persoal o pasado mes de marzo aducindo obras no establecemento e a situación de grave crise económica. “Nese momento non propuxo ningunha outra medida, pero dias despois comunica a decisión de externalizar o servizo de limpeza, o que consideramos actuar de mala fe e ocultar información”, censuran.
Reducir a representación sindical
Ademais, consideran que o obxectivo desta decisión empresarial é recortar a pluralidade na representatividade dos representantes legais dos traballadores/as, xa que tras a externalización o cadro de persoal vai ser inferior a 30 persoas, quedando como persoal da empresa a propia estrutura básica, polo que xa non se escollería comité de empresa, senón un/ha único/a representante como delegado/a de persoal.
Finalmente, lembran que en outubro de 2016 a empresa propúxolle a modificación contractual a todo o persoal fixo para convertelo en fixo descontinuo, “como medida menos gravosa que a extinción da relación laboral, tendo unha aceptación voluntaria por case todo o persoal”. Fixábase tamén unha garantía mínima de emprego de sete meses ao ano, coa posibilidade de incrementala a nove meses, medida que segue vixente na actualidade.