A CIG de Ourense mobilízase contra a represión sindical en Don Franque
O dono segue a acosar a delegada de persoal a pesar das actas de infracción da Inspección de Traballo
Ourense -
Un grupo de delegados/as da CIG de Ourense mobilizouse hoxe diante das instalacións da empresa Don Franque, que xestiona o restaurante, a cafetería e a estación de servizo do polígono de Pereiro de Aguiar, para rexeitar a represión sindical que o propietario exerce contra a delegada de persoal e contra aqueles/as traballadores/as que apoian as súas reivindicacións.
Segundo denuncian dende a central, a actitude da dirección non mudou a pesar das dúas actas de infracción por falta grave abertas pola Inspección de Traballo e da máis que probábel apertura dunha terceira, o que constituiría unha falta moi grave.
“O empresario segue a cambiar a carteleira de traballo de xeito arbitrario, continúa con xornadas de até 16 horas diarias, incumpre a lei de prevención de riscos laborais e paga os salarios cando quere”, sinalan.
A isto hai que sumar que continúa co “acoso e derribo” contra a delegada de persoal, da CIG, e contra todos/as aqueles/as traballadores/as que a apoian as súas reivindicacións de melloras laborais para o conxunto dos empregados/as, "até o punto que mesmo a obriga a traballar só dúas horas os domingos".
Esta actitude motivou unha denuncia da central contra a empresa, logrando que o Xulgado do Social de Ourense anulase a sanción imposta á traballadora e fixase unha multa económica por vulneración do dereito de liberdade sindical.
Con todo, como o xeito de actuar do propietario non variou, a CIG decidiu convocar unha protesta diante das instalacións de Don Franque que se desenvolveu hoxe de 13:30 a 14:30 horas, coincidindo co cambio de quenda, e que incluíu o berro de consignas contra a represión sindical.