Denuncian na Inspección de Servizos Sociais as irregularidades no SAF de Ponteareas

O Goberno local suspendeu onte o pleno municipal no que estaba previsto que interviñese unha representante das traballadoras en folga

Ponteareas -

A representación legal das traballadoras do SAF do Concello do Ponteareas denunciou esta mañá diante da Inspección de Servizos Sociais da Xunta os numerosos incumprimentos por parte da concesionaria en materia de contratación, normativa laboral e dereitos das persoas usuarias. Onte, o Goberno local optou por suspender o pleno municipal no que estaba previsto que interviñese unha representante do comité de folga poñendo como escusa as protestas das propias traballadoras, que reclamaban tomar a palabra ao inicio da sesión e non no punto 24º tal e como figuraba na orde do día.

No escrito remitido hoxe ao organismo dependente da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Política Social recóllense unha serie de incumprimentos da normativa vixente no SAF, como o feito de que que a propia oficina de Óbolo, a empresa concesionaria, non conta co material necesario para a realización do servizo (falta de arquivadores, folios, rotuladores, papel hixiénico e mesmo luvas para as auxiliares). “A instalación e o material tampouco garante a debida protección das persoas usuarias”, sinálase.

En materia de recursos humanos, as irregularidades pasan polo feito de que varias traballadoras incorporáronse ao servizo se a preceptiva alta na Seguridade Social, así como que non están documentados os contratos do persoal de nova contratación. Tampouco está contratado o servizo de fisioterapia ofertado nin se conta con empresa para o transporte de axudas técnicas.

En canto aos dereitos das persoas usuarias, non teñen á súa disposición unha copia do regulamento interno do servizo, non están documentados os protocolos sobre os procedementos de intervención co cadro de horarios actualizado e as persoas atendidas. E no rexistro de persoas usuarias non figuran actualizados os datos das auxiliares.

Ao mesmo tempo, a pesar de que se leva a cabo unha visita ao domicilio cando se produce a alta, “non se emite o preceptivo informe de avaliación previa”. E hai seis meses que non se realizan proxectos de atención individual das persoas usuarias. “Dende a adxudicación do servizo non se fi ningunha visita de seguimento, polo que se carece do informe preceptivo”.

Suspensión do pleno municipal

Finalmente, lembran que estes incumprimentos fóronlle trasladado por escrito en dúas ocasións ao Concello de Ponteareas o pasado mes de agosto, “sen que nos conste algunha actuación ao respecto”. Por iso hoxe decidiron presentar no rexistro municipal tanto a denuncia remitida á Inspección de Servizos Sociais como a intervención prevista no pleno de onte, ao tempo que continuaron coas concentracións diarias diante do consistorio.

Unha representación do comité de folga pretendía falar ao comezo da sesión -ao que accederon todos os grupos da oposición- e non ter que agardar ao punto 24º, que era onde figuraba na orde do día. “Estaba claro que con todo o que había non ía dar tempo e tería que quedar para outro pleno”, denuncian dende a CIG.

En consecuencia, as traballadoras amosaron o seu descontento coa decisión, optando o Goberno local, con maioría do PP, por suspender a sesión. Na intervención prevista, o comité de folga pretendía enumerar os numerosos incumprimentos da empresa e afearlle ao Concello que mire para outro lado a pesar de que a concesionaria está a cometer fraude á Seguridade Social, carece de rexistro de xornada, paga con atraso todos os meses e non aplica ningunha medida de prevención de riscos, entre outras cousas.

“O que tiñan que facer era escoitarnos, comprobar as nosas denuncia e despois aplicar a normativa para defendernos a nós, as traballadoras, ás persoas usuarias e á veciñanza que pagamos os impostos; pero o que fixeron foi silenciarnos, convocar uns servizos mínimos abusivos e ilegais e insultarnos dicindo que estabamos manipuladas, que mentiamos, tratándonos como crianzas sen capacidade de negociación”, tal e como se recolle no escrito rexistrado no Concello.

Tamén se denuncia que os responsábeis municipais se sentasen sen contar co persoal “cunha empresa que non merece de credibilidade algunha, que non paga, que non pisou Ponteareas en seis meses e que está maltratando as súas traballadoras e a cometer unha fraude á veciñanza de Ponteareas”. O resultado destas conversas foi un acordo “filtrado á prensa e que non vai solucionar o conflito; xa que a única solución pasa pola rescisión do contrato con Óbolo e que o Concello asuma directamente a prestación do servizo”.

Volver