Desconvocada a folga nas ambulancias do 061 da área sanitaria de Vigo tras alcanzarse un acordo

A actual concesionaria, Saluser-Emersan, comprométese a asumir as débedas en concepto de liquidación pola subrogación

Vigo -

O persoal de Saluser-Emersan, empresa que ten a concesión das ambulancias do 061 da área sanitaria de Vigo, decidiu desconvocar por maioría da asemblea, a folga indefinida prevista para este verán, ao acadarse un acordo que recolle as principais demandas da parte social.

Representantes de CIG, CCOO e USO destacaron que a desconvocatoria se fai "por responsabilidade do persoal sanitario, que non desexa ver afectado o servizo de asistencia sanitaria urxente en Vigo Cangas e Moaña coincidindo coa época de maior demanda de asistencia". Non obstante, advertiron que de se producir algún incumprimento dos acordos ou de non avanzar nas negociacións das débedas pendentes, a folga volverá convocarse.

O acordo final, explican, foi asinado en dependencias do Consello Galego de Relacións Laborais pola representación sindical de CIG, CCOO e USO, representantes de Saluser-Emersan e a dirección do 061.

O texto recolle, principalmente, que a actual empresa concesionaria asumirá as débedas en concepto de liquidación pola subrogación do persoal. "Unha parte, abonando a nómina íntegra durante as dúas quincenas de vacacións e, por outra banda, comprometéndose a pagar a parte restante na mensualidade de xullo", indican.

Así mesmo, mantense aberta a negociación para o cobro da paga de regularización do actual convenio colectivo. Na actualidade a dirección da compañía Saluser-Emersan propón o abono para o mes de outubro. Porén, a representación sindical non acepta os prazos entendendo que a Consellería de Sanidade xa pagou este concepto á empresa concesionaria.

Ambulancias do Atlántico continúa traballando para o SERGAS

A representación social salietna que, unha vez que a Xunta asumiu unha parte das débedas que Ambulancias do Atlántico tería que abonarlle ao persoal traballador, "o empresario catalán, Carlos Simón, regresou a Vigo para volver a poñerse á fronte da dirección da empresa".

O SERGAS mantén tamén o contrato para a prestación do servizo de transporte programado de pacientes na área de Vigo prorrogado “sine die”. Denuncian que, malia isto, e pese a continuar percibindo diñeiro público, "o empresario négase a pagar o resto de débedas e non presta colaboración algunha ao persoal de Tragsa contratado pola Consellería para mediar no conflito".

Volver