Desconvocada definitivamente a folga na piscina municipal das Pontes

A empresa Serviplustotal procedeu ao pago dos salarios de abril e maio e xa comunicou que abandona o servizo

As Pontes -

As xornadas de folga previstas para os días 4 e 5 e con carácter indefinido a partir do 9 de xuño na piscina municipal das Pontes e para o persoal monitor do polideportivo fican definitivamente desconvocadas tras proceder Serviplustotal ao abono dos salarios de abril e maio ao conxunto do persoal, abrirse un proceso negociador co Concello e comunicar a empresa que abandona a prestación deste servizo.

Aínda que fican pendentes de resolver pequenas cuestións relacionadas coa xornada laboral (que terán que ser abordados coa nova empresa), lográronse os principais obxectivos da folga polo que o persoal acordou proceder a desconvocar os paros previstos para este mes. Para o secretario de Organización da CIG de Ferrol, Xoán Galdo, resulta inconcibíbel que “nun servizo que depende dunha administración pública como este o Concello e a empresa adxudicataria non se movan até ter enriba da mesa unha convocatoria de folga”.

Sinala que só despois do persoal dar este paso, “o Goberno municipal se apresurou a abonar unhas facturas que estaban pendentes e a empresa axilizou o pago dos salarios”. O responsábel sindical agarda que, ante a nova licitación, o Concello das Pontes garanta que se respectan todos os dereitos laborais e salariais que marca o convenio colectivo de aplicación e insta a empresa que se faga co servizo a manter unha reunión de urxencia para tratar as cuestións que fican por resolver.

Volver